EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Educación realizou obras durante o Nadal nos colexios Monte dos Postes, Vite e Quiroga Palacios

08/01/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, xunto coa técnica do Departamento Susana Papín e o responsable da empresa de mantemento Espina e Delfín, visitaron varios centros escolares da cidade co obxecto de comprobar persoalmente as obras executadas durante as vacacións do Nadal nos colexios Monte dos Postes, Vite e Quiroga Palacios.

No CEIP Monte dos Postes realizouse unha intervención de urxencia durante a pasada fin de semana, co fin de substituír a acometida eléctrica do centro, que ardera hai uns días, por unha nova. Estes traballos permitiron que as clases se iniciaran este luns con total normalidade.

Polo que respecta ao CEIP de Vite, a intervención consistiu na substitución de dúas portas e no pintado dunha sala contigua ao salón de actos. Neste espazo desenvólvense actividades de educación infantil e posteriores ao servizo de comedor escolar.

Finalmente, no CEIP Quiroga Palacios procedeuse a ampliar o comedor escolar, tirando un tabique e pintando.

Revisión dos sistemas de protección de incendios
Por outra parte, tamén nestas vacacións de Nadal realizouse a inspección anual de todos os sistemas de protección contra incendios (BIE, grupos de presión e sinalización de evacuación) nos 13 CEIPs, nas seis escolas infantís -incluídas as tres consorciadas coa Xunta- e nos espazos da Ludoteca e da Portela (Figueiras).

Compartir: