LINGUA

Mariña Abollo, Julia Pérez e Aarón Bello recibiron dos Reis os seus agasallos como gañadores do certame do Correo de Nadal

05/01/2018 O Correo do Nadal recolleu durante as pasadas semanas centos e centos de cartas escritas polos nenos e nenas de Santiago dirixidas aos personaxes máxicos que cada ano lles traen os agasallos destas festas. Entre as misivas recibidas, foron escollidas e serán premiadas as de Mariña Abollo (5 anos), Julia Pérez (8 anos) e Aarón Bello (8 anos).

Cumprindo o encargo que recibiran, os nenos e nenas foron escritores imaxinativos e tamén ilustradores creativos. Amosaron nos seus textos cales eran os regalos que agardan pero, tamén, contáronnos que cor desexarían para a súa lingua, o galego, nesa asociación entre as diferentes paletas de cores e os estados de ánimo, emocións, sentimentos...

Foron moitos e moitas os que lle escribiron ao Apalpador, máis aínda aos Reis Magos e mesmo algún ao Pai Natal. E nas cartas que o Correo do Nadal tramitou ao seu destino destacou especialmente o gusto dos Magos do Nadal polas cores que lles axudan a expresar mellor as emocións e os sentimentos e pedíronlles axuda aos nenos nenas para colorear as linguas do mundo, unha preocupación na que levan tempo teimando debido á situación de fraxilidade en que se atopan moitas delas. As cores en que pintaron os nenos e nenas santiagueses a lingua galega son variadas e alegres (predominan o azul, o verde, o laranxa ou o amarelo), para asociala así con aspectos positivos e característicos da nosa terra á que tanto aprecio lle teñen.

Despois de lelas coidadosamente, os emisarios do mundo da Maxia, transmitíronlle ao Concello o resultado da escolla das tres cartas que recibiron directamente dos Reis Magos un regalo especial despois da Cabalgata, para que continúen cultivando o galego tanto como o fixeron ata agora:

- Mariña Abollo Aneiros, a autora máis pequena dos tres, con 5 anos, cóntanos como ve o galego cunha linda e poética frase, "A miña lingua é cantareira, requetexoga e sempre vai de cor amarela", apoiada nun orixinal debuxo a témpera.

- Julia Pérez Vicente, con 8 anos, participou cunha carta chea de brillo, simbolismo e cores, onde desexa para a nosa lingua "todas as cores, incluso as imaxinarias, porque iso é o que representa o galego: as emocións, as paisaxes, a familia, a música...", recordándonos a plena validez do galego para todas as facetas da vida.

- Aarón Bello Rey, tamén de 8 anos, ponlle cor verde á lingua galega, e destaca que esta cor conséguese mesturando outras (azul e amarela) que á súa vez representan elementos clave para a natureza e a vida (auga e sol). Esta enxeñosa reflexión acompáñase na carta de bos desexos para a terra e do pedimento de tres agasallos, así como dun lindo e vexetal debuxo representativo dese verdor desexado.

Os Magos tamén transmitiron a súa sorpresa e alegría por unha enorme e estupenda carta colectiva que recibiron da aula de 5 anos do CEIP Quiroga Palacios e mais dos maiores da residencia da terceira idade Volta do Castro . Nela, vese como os pequenos e pequenas elaboraron as súas postais, que tamén nos achegan, a carón dos maiores aos que visitaron e cos que traballaron na Volta do Castro. Os Magos, interesados por este traballo colectivo aula-maiores-Concello, en canto volvan das súas viaxes repartindo agasallos, parece ser que enviarán o seu colega Apalpador á Volta do Castro a nenos e maiores para lles levar un galano.

O resto das arredor de 1.000 cartas recibidas serán tamén contestadas persoalmente polos Magos do Nadal e os seus colaboradores. Nas próximas semanas irán chegando ás casas os sobre coa resposta para todos aqueles que puxeron o seu enderezo. Nelas irá outro anaquiño de ilusión para lembrar que debemos seguir cultivando o noso mellor agasallo: a lingua.

Compartir: