ACCIÓN CULTURAL

"Letras ao Camiño" despídese en Compostela

03/01/2018 O Centro Cívico do Romaño acolleu este mércores o acto de clausura da exposición itinerante Primeira Década das Letras. Esta mostra ten como obxectivo facer un achegamento actualizado á obra dos escritores aos que foi dedicado o Día das Letras Galegas nas súas dez primeiras edicións. O programa, promovido pola Asociación Cultural O Ferrado de Asados (Rianxo) compleméntase co Proxecto Poetas Descoñecidos.

No decurso do acto o presidente da Asociación, Rafael Piñeiro, fixo entrega á Concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, do Broche dos Bos e Xenerosos. O Ferrado quixo agradecer deste xeito a colaboración ofrecida polo Concello no desenvolvemento desta iniciativa, subvencionada pola Deputación da Coruña.

Despois de botar a andar en Rianxo en setembro, a mostra recalou en Boiro, Portosín, Dodro, Lousame e Riveira. A Santiago de Compostela chegou o día 15 de decembro, sendo a exposición inaugural do Centro Cívico do Romaño, e poderá ser visitada até o día 7.

Na exposición, persoeiros como Castelao, Rosalía ou Curros comparten protagonismo nos dez paneis que a compoñen con outros escritores menos coñecidos como Añón ou Lamas Carvajal.

O Proxecto Poetas Descoñecidos, pola súa parte, pretende dar a coñecer obras escritas en galego de autores xa falecidos que non fosen divulgadas. As persoas que queiran ver publicados os relatos ou poemas dos seus devanceiros poden poñerse en contacto coa Asociación no correo asociacionoferrado@gmail.com ou na páxina de Facebook da Asociación O Ferrado.

Compartir: