ALCALDÍA

Asinado o convenio coa Deputación para o financiamento da redacción do proxecto da Vía Verde Santiago-Cerceda

29/12/2017 O alcalde, Martiño Noriega, participou este venres na firma do acordo de colaboración entre a Deputación da Coruña e os concellos de Santiago, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda para o financiamento da redacción do proxecto da Vía Verde que unirá eses municipios. O convenio prevé destinar case 40.000 euros aos traballos de redacción, dos que o 80% serán achegados pola Deputación e o 20% restante polos concellos implicados.

O alcalde lembrou que a recuperación do proxecto da Vía Verde foi un dos primeiros asuntos que abordou co seu homólogo en Oroso, Manuel Mirás, tras a chegada ao cargo. Martiño Noriega explicou que había un proxecto previo, do ano 2008, que "só chegaba ao municipio de Ordes e que nós quixemos mellorar e ampliar aos concellos de Tordoia e Cerceda". O alcalde compostelán incidiu en que a Vía Verde "permitirá recuperar a rede ferroviaria abandonada, darlle un novo dimensionamento ecolóxico e sostible, e tecer rede entre varios concellos". Ademais, salientou "a alta demanda deste tipo de ofertas nos circuítos turísticos".

Pola súa parte, o presidente da Deputación da Coruña incidiu en que o proxecto da Vía Verde "encaixa nas apostas que vén facendo o organismo provincial polos medios de transporte sostibles". Valentín González Formoso xustificou a implicación da Deputación na actuación porque "se trata dun proxecto que beneficia a varios municipios, e é o deber do organismo provincial exercer un papel aglutinador dos diferentes intereses locais". O presidente provincial tamén recoñeceu que a recuperación do proxecto da Vía Verde "foi unha das primeiras peticións manifestadas polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega".

Proxecto
O proxecto da Vía Verde xurdiu en 2008, implicando os municipios de Santiago, Ordes e Oroso. O Goberno compostelán recuperouno neste mandato incorporando os concellos de Tordoia e Cerceda, de xeito que o itinerario verde terá unha extensión de 36,5 quilómetros. Deles, dez quilómetros discorren polo termo municipal de Santiago.

O acordo de hoxe foi asinado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Oroso, Manuel Mirás; Ordes, José Luís Martínez; Tordoia, Antonio Pereira, e Cerceda, José García Liñares.

Compartir: