NADAL

Máis lecer de Nadal este sábado coa Festa Apego e coa visita ao Museo Granell

29/12/2017 O último sábado do ano 2017 ten como principais atractivos dúas actividades: a Festa Apego e a visita ao Museo Eugenio Granell, enmarcada nos paseos de Nadal polos museos da cidade. O Apalpador rematará mañá o seu percorrido polos centros socioculturais de Compostela.

Os nenos e nenas de ata seis anos serán os protagonistas da programación municipal de Nadal. A eles e elas está dirixida a Festa do Apego, que se vai celebrar no Auditorio de Galicia dende as doce do mediodía ata as sete da tarde. Un día de actividades variadas (música, contos, danza, obradoiros, charlas e espazos de entretemento) para familias que desexen socializar os seus cativos e cativas en galego. Entre os destacados desta festa estarán Cé Home Orquestra, que presentará o seu espectáculo para bebés e familias Fíos do querer. O artista fará dous pases, ás doce do mediodía e ás cinco da tarde. Tamén estará Pablo Díaz (13:00 e 18:00 horas), que fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor.

Ás doce do mediodía poderemos gozar das historias de Andrea Bayer, coa sesión Tres pilistrinas, tres pilistrolas, o que non come non ten barrigola. Unha hora despois, ás 13:00 horas, será a vez de Fabaloba, coa montaxe Un bico para Alí. Alfombra máxica, de Mirari Urruzola, constituirá un lugar para que os bebés descubran o pracer de apalpar, escoitar, ver e mesmo saborear.

A información completa sobre a programación da festa está dispoñible no programa de Nadal de Compostela.

Paseos de Nadal polos Museos de Compostela
Este sábado terá lugar a última das andainas polos museos da cidade. Desta volta, os/as participantes poderán achegarse ao Museo Eugenio Granell. As persoas interesadas seguirán as explicacións dunha experta profesional que analizará o vasto patrimonio de tres dos museos de Santiago de Compostela.
Esta é unha actividade para todos os públicos, con inscrición previa nos centros da rede, onde se informará do lugar de encontro de cada andaina.

O Apalpador
O Apalpador remata mañá sábado as súas visitas á rede de centros socioculturais de Compostela. Este sábado pasará polo CSC de Santa Marta (17:30 h) e polo LSC de Verdía (18:00 h). Alí narrará contos e lendas de Nadal. Ademais, haberá pequenos agasallos e caramelos para todos e todas.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: