NADAL

A cociña internacional destas datas e os paseos por Compostela, na axenda de Nadal deste venres

28/12/2017 Dúas son as actividades principais da programación de Nadal o venres 29 de decembro. Por unha banda, a Cociña Internacional de Nadal, e pola outra, os Paseos de Nadal por Compostela. Ademais, continúan as visitas do Apalpador polos centros socioculturais e os xogos tradicionais na praza Roxa chegan á súa última xornada.

A partir das 18:00 horas, no Centro Cívico de Romaño, terá lugar a terceira xornada dos Obradoiros de Cociña Internacional de Nadal, onde se prepararan pratos típicos doutros países e lugares, nun intento de descubrir e degustar a gastronomía das festas doutras culturas. Esta é unha actividade de balde, dirixida a público adulto, con reserva previa de praza de xeito presencial no propio Centro Cívico do Romaño.

Ás 17:30 horas arranca, dende San Fiz Solovio o primeiro dos paseos familiares encadrados nos Paseos de Nadal por Compostela. Son roteiros que relacionan o ciclo do Nadal con Compostela e Galicia. Visitaranse espazos relacionados cos ritos típicos, os cantos e a gastronomía desta festividade, tanto no pasado coma na súa transformación ao longo do tempo e no presente. Esta actividade é de balde e pódese participar nela previa inscrición a través do enderezo electrónico paseos.compostela@maos.gal.

Haberá unha segunda saída, o próximo martes 2 de xaneiro, á mesma hora. Para quen o prefira, existe a posibilidade de participar no paseo nocturno, o mércores 3 de xaneiro, ás 20:00 horas. A inscrición realízase do mesmo xeito.

Deporte no Nadal
Mañá é a última oportunidade para gozar dos xogos tradicionais na praza Roxa. Quen se achegue á céntrica praza poderá gozar da práctica de xogos tales como os bolos celtas, a rá, a estornela, a chave, a comba, o tiro de corda, o trompo, etc. Poderán participar tanto nenos e nenas como persoas adultas, gozando dunha proposta de xogo e lecer diferente. Esta actividade está organizada pola Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela e o Departamento de Deportes do Concello de Santiago. O horario é de 11:00 a 14:00 horas. A participación non ten custo.

O Apalpador
O Apalpador continúa as súas visitas á rede de centros socioculturais de Compostela. Mañá venres pasará polo CSC de Vite (18:00 h), polo LSC do Casco Histórico (19:30 h) e polo LSC de Marrozos (19:30 h). Alí narrará contos e lendas de Nadal. Ademais, haberá pequenos agasallos e caramelos para todos e todas.

Direcciones relacionadas



Compartir: