ALCALDÍA E DEPORTE

O alcalde reivindica a figura de Vero Boquete na súa visita ao Campus de Nadal que dirixe a futbolista

27/12/2017 O alcalde, Martiño Noriega, visitou esta mañá o campo de fútbol de Santa Isabel, onde se está a desenvolver a primeira xornada do Campus de Fútbol Vero Boquete. O rexedor e máis a concelleira de Deportes, Noa Morales, puideron felicitar á futbolista compostelá por esta iniciativa, que vai xa pola súa sétima edición, e na que este ano o Concello quixo implicarse especialmente.

Vero Boquete dixo estar "contenta e ilusionada porque vemos que o Campus está consolidado, os nenos e nenas seguen asistindo e as nais e pais seguen confiando no proxecto". A futbolista do París Saint-Germain explicou que este ano "participan uns 85 rapaces e rapazas, unha cifra lixeiramente inferior a de anos anteriores, pero nun ano no que tamén se incrementou a oferta de actividades para os máis novos nas datas de Nadal". Pola súa banda, o alcalde lembrou a primeira vez que viu xogar a Vero Boquete "nun partido no campo de fútbol de Cacheiras no que xa despuntaba". Tamén mostrou o seu desexo de que o Campus que leva o seu nome se consolide e lembrou que "este ano, o Concello colabora co proxecto cunha achega económica de 8.500 euros, ademais de coa cesión das instalacións".

Melloras en Santa Isabel
A concelleira de Deportes, Noa Morales, aproveitou a visita ao Campus Vero Boquete para lembrar que o campo de fútbol de Santa Isabel "vai ser sometido a unhas ambiciosas obras, nas que se van investir máis de 600.000 euros". Noa Morales apuntou que, ao longo do próximo ano, renovarase o céspede das instalacións e instalarase un novo sistema de rego. Tamén explicou que se acometerán obras para mellorar a accesibilidade da zona de gradas, e acondicionarase un espazo para o quecemento.

O Campus de Fútbol Vero Boquete celebra a súa sétima edición dende hoxe ata o venres. Está dirixido a nenos e nenas que queiran mellorar as súas cualidades técnico-tácticas, da man de deportistas de alto nivel. O Campus desenvólvese nos campos de fútbol de Santa Isabel e do Sergas, así como no Centro Don Bosco.

Compartir: