POLÍTICAS SOCIAIS

Música, maxia e circo por Palestina na gala de humor solidario "Festiclown"

19/12/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, presentou na compaña de Iván Prado, representante de Pallasos en Rebeldía, a gala solidaria Festiclown, que terá lugar no Teatro Principal o vindeiro 28 de decembro ás 18:30 horas.

Concha Fernández destacou que se "trata dunha gala de humor solidario para financiar a quinta edición do Festiclown Palestina, o circo rebelde contra a ocupación". Na gala haberá música, maxia e circo, con "artistas que participan de forma completamente altruísta nunha cita presentada por Isabel Risco", actriz, clown e pedagoga teatral que recibiu en 2015 o Premio FETEGA a mellor actriz.

Pola súa banda, Iván Prado fixo fincapé na vertente solidaria desta cita, que busca "levar os risos de aquí a outros nenos e nenas do mundo, como é o caso dos nenos e nenas de Palestina, e lembrou que hai uns meses "cheguei vestido de pallaso a Santiago despois de 13 días peregrinando para conseguir a liberación dun pallaso palestino".

Na gala haberá música, a cargo de Píscore, Uxía e Paco Nogueiras. Píscore é unha compañía nacida na primavera do 2016 e que homenaxea co seu nome á famosa Esther Píscore, trasunto da musa da danza. Pola súa banda, Uxía a é considerada a grande dama da música galega e unha das maiores divulgadoras da súa poesía. Nos seus máis de 30 anos de carreira artística, renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado e ritmos brasileiros. Paco Nogueiras é un habitual dos festivais infantís que na actualidade forma parte da Orquestra Os Modernos, da compañía Os Tres TENedORES e da Campaña de Animación á Lectura de Kalandraka.

O mellor circo
Ademais de música, o Festiclown achéganos o mellor circo, da man de Circo Chosco, Dani García, Raquel Veganzones e Jano Costas. Circo Chosco créase ao coñecérense Ariñe Azkue e Óscar Páez na escola de circo Oreka (Pamplona), na que se formaron durante tres anos. Alí aprenden diferentes técnicas de circo, así como malabar, equilibrios, aéreos, clown, interpretación ou creación. Dani García destaca polos numerosos premios que recibiu, coma o Premio Michigan Magic Day, o 2º Premio Close Up Contest IBM Rising de St. Louise e o 2º Premio TAO M Texas. Na actualidade compaxina as actuacións en Galicia con estancias, funcións e formacións nos Estados Unidos.

Raquel Veganzones é de Valladolid, formouse na escola de Circo Carampa, en Madrid, e en The Circus Space, de Londres. Raquel percorreu medio mundo co seu trapecio dende o Caribe ata a India, traballando en diferentes circos, cruceiros e compañías de teatro. Finalmente, Jano Costas formouse en animación turística, na que empezou a destacar coma showmam, realizando distintos eventos, como performances, animacións infantis, pasarrúas... Contacta coas asociacións de circo Malandraxe (Vigo) e a antiga PistaCatro para iniciarse no mundo dos malabares e do circo en xeral.

Pasadas edicións
O Festiclown Palestina tense celebrado xa en catro ocasións cuns resultados moi positivos tanto para os espectadores como para os artistas que tiveron a oportunidade de participar. Durante estas catro edicións despregáronse polos territorios palestinos actuacións de artes circenses, clown e risoterapia, enchendo as rúas, prazas e escolas de esperanza, risa e fraternidade. Durante o Festiclown Palestina tamén se imparten obradoiros de globoflexia, teatro de sombras, audiovisual, creación de instrumentos de percusión ou clown (Payaseando La Existencia), e organízanse actividades sociopedagóxicas nos colexios.

A entrada solidaria custa 5 euros. Os que non poidan asistir pero estean interesados en facer posible o Festiclown Palestina poderán participar a través da Fila 0: La Caixa ES13 2100 4333 1502 0005 4202.

Pallasos en Rebeldía
A Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía é un espazo artístico de solidariedade internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que se expresa a través do clown e as artes circenses, no que conflúen artistas de diferentes países, sobre a base de que a alegría e a risa poden e deben ser transformadoras.

Pallasos en Rebeldía está constituída como unha rede internacional de grupos artísticos que promoven a solidariedade e a risa como motores de cambio social; combaten culturalmente á beira das colectividades que fan fronte a este sistema global de terror dende a maxia do circo; e apostan por unha Humanidade máis bela e máis xusta dende o universo do clown. Fundouse no ano 2004 baixo o amparo do Festiclown (Festival Internacional de Clown de Galicia) e mantense activo grazas ao traballo de Culturactiva SCG, entidade profesional galega decana na xestión cultural socialmente comprometida.

Compartir: