LINGUA

Illa Bufarda, Brazolinda e o Colexio de Avogados de Santiago, distinguidas no XVIII Premio Manuel Beiras

19/12/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez, deron a coñecer este martes en rolda de prensa o nome dos gañadores do Premio Manuel Beiras. Illa Bufarda, Brazolinda e o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela son as empresas e entidade galardoadas nesta décimo oitava edición. Pola tarde, os galardóns foron entregados nun acto celebrado na sede da Cámara.

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego obtivo o premio Illa Bufarda, produtora creativa que ofrece servizos de creación e formación en videocreación, fotografía, animación e deseño. O xurado outórgalle esta distinción polo feito de que eles mesmos entenden que, transversalmente a toda técnica audiovisual, o uso normalizado da lingua galega resulta en si unha acción promotora do galego: "O audiovisual visibiliza, difunde e normaliza", destaca o xurado.

Na categoría de nova incorporación ao galego, o recoñecemento recaeu na empresa Brazolinda, un proxecto de deseño, fabricación e venda de xogos de mesa e xoguetes feitos de maneira artesanal. Crea xogos pensados para xogar en grupo ou en familia, grandes e pequenos, dándolle forma a unha actividade enriquecedora dende o punto de vista da aprendizaxe de actitudes, dinámicas, habilidades matrices e mentais. Pero o xurado apuntou que nos xogos de Brazolinda non só se mima a parte educativa de cada xogo en concreto ou a parte do divertimento e a estética, senón que o idioma ocupa tamén un lugar principal.

O xurado acordou tamén conceder a distinción especial do Premio Manuel Beiras ao Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, que dende o ano 2004 ten un servizo de asesoramento lingüístico como froito do compromiso coa defensa do idioma propio de Galicia por parte da xunta de goberno do Colexio profesional. Este servizo lingüístico traballa sobre tres eixes principais, os de asesoramento, formación e dinamización, coa fin de facilitar o uso do galego no eido xurídico, un labor que ten especial transcendencia pola súa visibilidade social e empresarial.

O xurado estivo composto polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez; da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Beatriz Corral; da Universidade de Santiago, Mª do Carme Silva; do Colexio Oficial de Xornalistas, Belén Regueira; en nome da Associaçom Galega da Língua, Carlos Quiroga; da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo; e os representantes de cada unha das empresas premiadas na edición anterior –Alejandro López, de Miranda Priestley; Xema Varela, de Nanube; e Herique Alvarellos, da Editorial Alvarellos–.

O acto de entrega de premios celebrouse na Cámara de Comercio de Santiago. Ademais do alcalde e do vicepresidente da Cámara, asistiron o presidente da mesma, Jesús Asorey, e o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García. Contouse tamén coa participación doutros representantes políticos e empresariais, como o político nacionalista Xosé Manuel Beiras –fillo do galeguista Manuel Beiras, de quen provén o nome deste galardón–; o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga; o voceiro de En Marea, Luís Villares; a deputada do grupo parlamentario de En Marea, Luca Chao; a valedora do Pobo, Milagros Otero; e os representantes dos grupos municipais de Santiago.

Distinción de Acisclo Manzano
Os galardoados recibiron unha distinción consistente nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano. Poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste premio como unha garantía máis de que respectan o idioma galego. O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Recibiu a Medalla de Ouro da cidade pola súa contribución cultural, un exemplo de compromiso colectivo dende o sector socioeconómico.

Compartir: