ALCALDÍA

O alcalde recolle as demandas da Asociación Empresarial do Tambre

14/12/2017 O alcalde mantivo hoxe unha xuntanza coa Asociación Empresarial do Polígono do Tambre, para recoller as demandas da principal área industrial da cidade. Xunto con Martiño Noriega, na reunión participaron o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.

O presidente da Asociación Empresarial do Tambre incidiu en que "a comunicación co Goberno local é continua, pero a área empresarial é un ser vivo no que xorden continuamente novas necesidades". Unha das principais preocupacións manifestadas por Jesús Chenel ten que ver coa preparación do Polígono do Tambre para a entrada en funcionamento da variante de Aradas. O representante dos empresarios sinalou que "esa infraestrutura vai derivar á vía Edison máis dun milleiro de coches diarios que actualmente circulan pola avenida de Castelao, e é preciso adoptar medidas para evitar colapso".

Nesa liña, o alcalde confirmou que o Goberno local xa ten encargado o anteproxecto dunha nova rotonda na vía Edison, próxima á existente na actualidade (no cruce coa vía Pasteur), que podería contribuír a aliviar a circulación.

Outras demandas
Na xuntanza abordáronse outras peticións da Asociación Empresarial do Tambre, relacionadas coa limpeza e o mantemento de beirarrúas. Tamén se revisaron as medidas impulsadas dende o Concello tras as inundacións que tiveron lugar no Polígono do Tambre o pasado verán.

Compartir: