TURISMO E ACCIÓN CULTURAL

Arranca a sexta edición do Mercado da Estrela

14/12/2017 O Mercado da Estrela arranca mañá venres e permanecerá aberto ata o domingo 17. O evento, polo que en 2016 pasaron 10.000 persoas, chega a esta sexta edición convertido nun festival urbano de inverno gratuíto para visibilizar o talento das persoas creadoras, artistas, artesáns, produtoras e emprendedoras de Galicia.

Coa colaboración das concellarías de Turismo e de Acción Cultural, o Mercado da Estrela amplía os seus contidos consolidándose como unha iniciativa lúdico-cultural que, baixo o lema "Agasalla talento galego", continúa fiel á idea de apostar polos produtos galegos nos agasallos das festas e ofrecer unha programación de balde para os reencontros e os brindes previos a Noiteboa.

Cinco espazos
A Feira Creativa estará no Claustro do Museo do Pobo Galego, na Zona C e na Casa do Matadoiro, con marcas de complementos, bixutería e xoiaría, robótica, ilustración, decoración, cerámica, mobiliario e obxectos para o fogar.

Na praza 8 de Marzo instalaranse vehículos de comida que ofrecerán unha apetecible oferta gastronómica que os visitantes poderán degustar dinamizados por sesión DJ dende a tarde do venres 15.

A Carpa Cantina Gourmet ampliará a carta de restauración e será o espazo no que se desenvolverán os concertos das bandas de indie, latino, pop e rock que participarán nesta 6ª edición. O Mercado contará ademais con múltiples actividades, como un pase de videoclips galegos e un picnic para familias no Museo do Pobo Galego, obradoiros creativos e unha zona solidaria na Casa do Matadoiro, ou un servizo de gardería-ludoteca de balde no antigo Hospital de San Roque.

O horario do Mercado da Estrela será de 19:00 horas en adiante o venres 15 de decembro, con música e gastronomía na Cantina Gourmet e na Zona Foodtruck, e de 11:00 horas ata a madrugada o resto da fin de semana. Na Feira Creativa, os horarios de apertura serán de 11:00 a 21:00 horas o sábado 16 e o domingo 17.

Direccións relacionadas



Compartir: