ALCALDÍA

O alcalde compromete o apoio do Concello para a Gala do Libro Galego 2018

13/12/2017 O alcalde mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Federación de Librarías de Galicia, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega de Editoras. Foi para abordar a celebración da Gala do Libro Galego 2018, para a que Martiño Noriega brindou novamente a colaboración do Concello.

A terceira edición do evento terá lugar en maio, no Teatro Principal. O alcalde expresou o respaldo do Concello de Santiago a esta gala, que "naceu hai tres anos unificando a todo o sector do libro, e prestixiándoo".

Este ano, o peso da organización recaerá na Federación de Librarías de Galicia. A súa presidenta, Pilar Rodríguez, agradeceu o apoio do Concello porque "sen o respaldo institucional sería imposible organizar a Gala do Libro". Tamén fixo un chamamento á participación da veciñanza na festa, "na que queremos implicar á cidadanía, co obxectivo de que algún día mesmo poidamos encher o Auditorio de Galicia nun grande evento cultural".

Na reunión tamén participou o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, que quixo poñer en valor "a unión demostrada por escritores e escritoras, librarías e editoras, que ata hai tres anos viñan realizando as súas propias galas de xeito individual". Esta unión "debe servir de exemplo para as administracións, e animalas a apoiar de xeito unánime ao sector do libro", dixo.

Dende a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o seu presidente, Cesáreo Sánchez, explicou que a Gala do Libro "é a gran festa do sector, o momento no que se pode mostrar o seu potencial e o traballo feito ao longo de todo o ano".

Compartir: