CENTROS CÍVICOS

"Aconteceu un Nadal": relatos e música na rede de centros socioculturais

13/12/2017 O Centro Sociocultural de Santa Marta acolle este venres 15 de decembro, ás 20.00 horas, a primeira entrega de Aconteceu un Nadal: contos e música para un Nadal diferente. A actividade chegará a outros catro centros socioculturais ao longo destas datas, da man de Pepe Sendón, Suso Alonso (piano) e Marcos Teira (guitarra).

O Nadal é tempo para contar historias. Isto é o que pensan Pepe Sendón, Suso Alonso e Marcos Teira, que reuniron unha serie de contos e narracións curtas de diversos autores. A estas pezas engadíronlles música con piano e guitarra para crear unha atmosfera acolledora e agradable para o público que desexe oír de viva voz as vidas das diferentes personaxes que aparecen nos contos escollidos.

Nestas sesións interpretaranse relatos de Valle-Inclán, Anxos Sumai, Paul Auster, Brendan Behan ou Chejov, entre outros autores e autoras. Todos acompañados dunha engaiolante música en directo. Son contacontos dirixidos a un público adulto, xa que o silencio é imprescindible para escoitar a narración e a música. O acceso é de balde.

Novas entregas durante o Nadal
Ademais desta sesión, celebrarase outras catro ao longo do Nadal. A próxima será o 21 de decembro, ás 18:30 horas, no Centro Sociocultural Casa Agraria (Meixonfrío). Ao día seguinte, 22 de decembro, os contos trasladaranse ao Centro Sociocultural da Pontepedriña (20:00 horas). Os días 28 e 29 de decembro, vez para os CSC do Ensanche e do Romaño, con sesións ás 20:00 e ás 19:00 horas, respectivamente.

Compartir: