ALCALDÍA

O Goberno local mantén este venres un encontro "Ao vivo" cos veciños e veciñas do Ensanche

13/12/2017 Este venres 15 de decembro, ás 19:30 horas, o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche acolle un novo encontro "Ao vivo". Desta vez son veciños e veciñas do Ensanche os convidados a expresarlle ao Goberno local as súas demandas e suxestións. Nesta área viven máis de 15.000 habitantes.

Ao longo do mandato, o Goberno local foi recollendo as peticións e suxestións da veciñanza desta zona, tanto formuladas a título individual como canalizadas a través das asociacións de veciños que existen neste ámbito. Como vén sendo habitual nos "Ao vivo", o alcalde e os concelleiros e concelleiras terán que render contas do feito, e explicar as actuacións que non se puideron acometer. Tamén se recollerán as novas demandas que vaian xurdindo no encontro.

Nove "Encontros ao vivo"
Os "Encontros ao vivo" forman parte da aposta pola participación cidadá que fai o Goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove "Encontros ao vivo", seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agrúpanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto do municipio.

Compartir: