FACENDA

Os orzamentos de 2018 ascenden a 110 millóns de euros, os máis elevados dende o exercicio 2009

12/12/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, presentou esta mañá o borrador de orzamentos para o vindeiro exercicio, cuxa cifra ascende a 110 millóns de euros e supón o orzamento máis elevado dende o ano 2009.

María Rozas destacou que "son uns orzamentos expansivos, froito do esforzo feito en captación de fondos e coa mira posta na consolidación das políticas públicas e liñas estratéxicas que levamos facendo dende o 2015". A proposta de orzamentos para o vindeiro exercicio é, polo tanto, continuista e debedora dos exercicios anteriores que "procura colocar ás persoas no centro da xestión institucional e dar resposta ás demandas da veciñanza". Por iso, este borrador é froito tamén do proceso de negociación "que iniciamos no mes de outubro con PSOE e BNG e que nos permite ter un documento orzamentario coral".

As contas do vindeiro ano inclúen un incremento no capítulo de gastos en todas as áreas, agás a destinada ao pago de débeda bancaria, "froito da boa saúde económica e do esforzo realizado nos anos anteriores, que permiten ter unhas contas saldadas". Así, pódense destinar a servizos públicos os créditos que en anos anteriores se tiñan que gastar en pago de débedas. O capítulo de débedas (capítulo 9) redúcese un 26,73% e en xuros un 44,26%.

O orzamento de 2018 ten catro eixos principais, que pasan polas Políticas Sociais e o Emprego, a continuidade na aposta polo mantemento e o reequilibrio territorial, as políticas de acción cultural e a Compostela verde.

Políticas sociais e emprego
Na área de Políticas Sociais "existe un incremento dun 26%" no que se inclúe o Servizo de Axuda do Fogar, o incremento das bolsas de comedor e actividades extraescolares ata os 600.000 euros, así como obradoiros de emprego destinados a mocidade. Estes supoñen un incremento do 60% da área de Emprego, acadando case os 3 millóns de euros. Os obradoiros de emprego son un elemento fundamental que permiten ofrecer unha oportunidade formativa e laboral aos mozos e mozas ao tempo que contribúen á mellora do noso patrimonio natural e histórico.

O novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar contará cunha dotación orzamentaria que implica duplicar a contía destinada no ano 2015. Isto permitirá, tal e como indicou a concelleira de Facenda, "ter un contrato que dea resposta a todas as demandas do servizo sen que exista lista de espera e por iso se fai un esforzo orzamentario que ascende a 1.979.656,25 euros, unha suba do 51% con respecto ao 2016, do 116% respecto ás contas do 2015 e 2014 e do 182% en comparación co ano 2013". O Concello de Santiago acadará para o vindeiro exercicio un investimento total de 108 euros por habitante e ano en políticas sociais.

Reequilibrio territorial e mantemento
As contas para o 2018 incorporan unha subida do 40% en mantemento, incorporando un novo contrato de mantemento de beirarrúas específico que complementará o gran contrato existente para o mantemento de viarios. Segundo Rozas, "trátase de continuar solucionando o gran déficit existente en mantemento da última década".

No relativo ao rural existe un incremento en comparación co ano anterior dun 28% destinando, por terceiro ano consecutivo, todos os fondos que reciben do Plan da Deputación para o noso rural. Ademais, incorporaranse obras financiadas con recursos propios e inclúense tamén varios contratos de mantemento para rozas e pistas, tanto do rural como dos montes. Reflíctense 310.000 euros para as cubertas de pistas deportivas e de padel en Figueiras, 128.000 euros para a cuberta da pista polideportiva de Verdía ou 267.000 para a segunda fase da ampliación da ponte na Cañoteira e Outeiro de Marrozos.

Acción cultural
Tamén se ve incrementado o orzamento en políticas culturais en torno ao 40% que responden a un convenio con XADE para a realización de concertos na cidade e ao incremento da liña de subvencións competitivas, así como a obras no Auditorio de Galicia que suporán a renovación de butacas.

Tal e como indicou María Rozas, "tendo unhas contas expansivas e un Concello saneado, semella o momento idóneo para reiniciar a colaboración do Concello na promoción de grandes eventos musicais no Multiúsos de Sar". Con este fin consígnanse ata 105.000 euros para a promoción de 2 ou 3 eventos musicais de dimensión internacional.

Compostela verde
No documento orzamentario inclúese unha aposta por facer de Santiago unha cidade máis verde e sustentable. Por iso se incorporan como investimentos a reposición do alumeado público por un importe de 150.000 euros, a ampliación das illas de compostaxe por 97.000 euros ou a continuación dos programas de emprego na contorna do Sar para a ampliación das sendas verdes. Tamén se incrementa nun 4% o orzamento de Parques e Xardíns.

Investimentos
Tamén se ve incrementado o capítulo de investimentos nun 2,9% ata acadar os 10.330.000 euros, para acometer as infraestruturas clave da cidade e obras importantes para o conxunto do municipio. Así, destínanse 240.600 euros para a Intermodal e 491.000 para a EDAR.

Ademais destas, os investimentos máis relevantes están relacionados coa accesibilidade, a mellora de instalacións existentes ou o "Plan Vite". Así, incorpórase no orzamento, cunha contía de 200.000 €, un programa de mellora de accesibilidade da vivenda complementario aos existentes nas ARIS ou 598.182,11 euros para a primeira fase do "Plan Vite", que permitirá actuar na rúa Federico García Lorca. A previsión é continuar investindo no barrio nos vindeiros anos ata chegar aos 2.260.000 euros de orzamento.

Entre os investimentos en todo o municipio destacan a pista de skate na praza da Constitución (393.543 €), o acondicionamento do campo de fútbol de Santa Isabel (524.300 €), a mellora da accesibilidade en Triacastela (409.745 €), as beirarrúas na rúa de Tambre (318.759 €), o aparcadoiro da rúa Altiboia (200.000 €) ou o Smartiago (460.250 €). Tamén destacan as obras que se levarán a cabo no Refuxio de Bando por un importe de 70.000 euros.

Outro dos incrementos máis significativos é o relacionado coa Igualdade, incrementándose nun 7% e acadando a cifra máis elevada da serie histórica co obxectivo de seguir avanzando nesa Compostela, territorio das mulleres.

En definitiva, trátase dun borrador de orzamentos coral e expansivo, que destina menos recursos ao pago de débeda e que coloca ás persoas no centro da xestión, con investimentos que superan os 10 millóns de euros e onde se continúa apostando polo social, o verde, o cultural, o mantemento e o rural

Compartir: