ALCALDÍA

Os alcaldes de Santiago e Ames buscan vías de colaboración para mellorar o tránsito na SC-20

12/12/2017 Os alcaldes de Santiago e Ames mantiveron hoxe unha xuntanza no Pazo de Raxoi, co obxectivo de analizar os problemas de tráfico na SC-20 e buscar vías de colaboración para solucionalos. Martiño Noriega e José Miñones acordaron solicitar unha reunión conxunta con Demarcación de Estradas para estudar as posibles medidas a adoptar para paliar os atascos de cada mañá.

Entre as medidas a estudar, segundo apuntou Miñones, estaría "o proxecto dunha rotonda en altura na entrada do Milladoiro, que evite o tráfico pesado no núcleo". Ames e Santiago tamén queren que Demarcación de Estradas analice a posibilidade de acondicionar "un carril adicional na Rocha, á altura da antiga fábrica de paraugas, que é onde se producen os principais problemas polas mañás".

O alcalde compostelán explicou que na xuntanza tamén se abordou a posibilidade de que a Policía Local colabore na regulación do tráfico "da coñecida como rotonda do Milladoiro, que en realidade está en terreos de Santiago e polo tanto é da nosa competencia".

EDAR e parque comarcal de bombeiros
Martiño Noriega e José Miñones aproveitaron a reunión para abordar outros asuntos de interese para os dous concellos. Un deles ten que ver coa nova depuradora de augas residuais. O alcalde de Ames explicou que o seu Goberno "ten que tomar unha decisión interna ao respecto de se presenta ou non un recurso contra o anteproxecto da EDAR do Souto, porque chama a atención que se aprobara sen terlle enviada ningunha notificación a un Concello situado a pouco máis de 100 metros das instalacións". Pola súa banda, o alcalde compostelán reiterou que o Goberno de Santiago "só quere un tempo para analizar a situación e buscar a maior seguridade xurídica para a EDAR".

Por último, os alcaldes de Santiago e Ames analizaron a situación na que se atopa o proxecto do parque comarcal de bombeiros, "para o que debera haber unha decisión a comezos de 2018". José Miñones recoñeceu que a Ames lle preocupa este asunto, "porque non ten servizo de emerxencias tendo a obriga de telo, e porque quere recuperar a parcela do Milladoiro que no seu momento cedeu á Xunta para a construción do parque".

Compartir: