ALCALDÍA

Asinado o convenio de colaboración entre o Auditorio de Galicia e a Deputación da Coruña

12/12/2017 O alcalde de Santiago e a vicepresidenta da Deputación da Coruña asinaron este martes o convenio de colaboración polo que a institución provincial lle fai unha achega de 235.000 euros ao Auditorio de Galicia para actividades que se levaron a cabo ao longo deste 2017.

Martiño Noriega e Goretti Sanmartín expresaron a súa satisfacción polo bo clima de colaboración entre as dúas institucións, que "sempre é beneficioso para o conxunto da cidadanía". Nesa liña, tanto o alcalde como a vicepresidenta da Deputación mostraron o seu convencemento de que "é moi importante apoiar as iniciativas culturais que se desenvolven en Compostela, porque esta é a capital do país e polo tanto ten que ser un referente para toda Galicia".

Goretti Sanmartín lembrou que o convenio asinado hoxe permite facer achegas para actividades moi relevantes, "algunhas delas xa consolidadas como o ciclo de Lied ou as Xornadas de Música Contemporánea, e outras novidosas como a Gala AritMar ou o WOS". Ademais, incidiu en que a institución provincial colabora no financiamento doutras iniciativas relevantes "coma o festival Cineuropa, que por primeira vez contou cunha achega da Deputación a través da convocatoria de subvencións competitivas".

Pola súa banda, o alcalde quixo lembrar tamén "outros espazos de colaboración imprescindibles coa Deputación da Coruña, como o Womex". Para Martiño Noriega, "a cooperación coa institución provincial permítenos dar un salto cualitativo na programación cultural de Compostela".

Compartir: