DEREITO Á VIVENDA

Santiago e outras seis grandes cidades xúntanse para reclamar máis fondos para o Plan de Vivenda

11/12/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito a Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, participou hoxe en Madrid nunha reunión co secretario de Estado de Infraestruturas, Transportes e Vivenda, xunto cos edís responsables de vivenda dos concellos de Madrid (José Manuel Calvo), Barcelona (Josep Maria Montaner), Cádiz (Eva Tubío), Valencia (María Oliver), A Coruña (Xiao Varela) e Zaragoza (Pablo Híjar). A xuntanza foi solicitada polos representantes das sete cidades, co obxectivo de presentarlle a Julio Gómez-Pomar as súas alegacións ao Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, que se está tramitando na actualidade.

Unha das principais reclamacións dos concellos é que o plan sexa dotado cun orzamento de 2.000 millóns de euros para o próximo ano, invertendo así a tendencia dos últimos anos á redución de gasto público en políticas de vivenda. De feito, nos últimos oito anos este investimento baixou en máis de mil millóns de euros, dende os 1.500 millóns orzamentados en 2009 aos 467 millóns de euros previstos este ano. Deste xeito, o Estado español destina a políticas de vivenda o 0,059% do PIB, fronte ao 1% doutros países europeos.

A reclamación de Santiago e dos outros seis concellos é que o gasto en política de vivenda se sitúe no 1,5% do PIB no prazo de dez anos, equiparándose así ao dos países europeos. Este incremento orzamentario é imprescindible, segundo os concelleiros lle expuxeron ao secretario de Estado, para aumentar o parque público de alugueiro en España e achegalo ao nivel europeo.

Aposta polo alugueiro e a rehabilitación
As sete cidades representadas na reunión de hoxe inciden en que "o Estado debe apostar polas axudas ao alugueiro, e non volver caer no erro de subvencionar a compra de vivendas, como se fixo durante o boom inmobiliario previo á crise económica".

Os concelleiros e concelleiras tamén reclamaron que se incrementen as partidas destinadas ás axudas a rehabilitación, fundamentalmente nos ámbitos das Áreas de Rehabilitación Integral e vinculadas a cuestións como a mellora da eficiencia enerxética ou a instalación de ascensores. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade tamén incidiu en que "é necesario que estas axudas se dirixan prioritariamente ás persoas con menos recursos, para non correr o risco de que accedan a elas grandes promotoras que rehabilitan inmobles, incrementan o seu valor e impiden que os residentes habituais de determinados ámbitos poidan pagar os novos prezos". Iso, segundo apunta Jorge Duarte, "aconteceu na zona histórica de Compostela, e temos que buscar fórmulas para que non siga acontecendo".

Outras propostas
Os concellos de Santiago, Madrid, Barcelona, Cádiz, Valencia, A Coruña e Zaragoza entenden que incrementar o orzamento do Plan Estatal de Vivenda é tamén fundamental de cara a incrementar o parque público de alugueiro, que se sitúa en ratios que aínda están moito por debaixo das doutros países europeos.

Nas súas alegacións, os sete municipios propoñen outras medidas, como que o Instituto de Crédito Oficial dispoña de liñas de financiamento específicas para proxectos de vivenda protexida; que dende o Goberno se dea apoio técnico e financeiro para solicitar financiamento e axudas europeas; ou que se estableza un marco legal para impulsar alternativas como o dereito de superficie en cesión de uso que garanta a propiedade pública do solo. Ademais, as sete cidades formulan a necesidade de que se evite a especulación coa vivenda pública de compra, e apostan por obrigar á SAREB a incorporar inmobles baleiros.

Compartir: