ACCIÓN CULTURAL

Danza, ópera e circo na axenda cultural desta semana en Compostela

11/12/2017 O xoves, 14 de decembro, a partir das 20:30 horas, a compañía de danza Mal Pelo representará no Teatro Principal o espectáculo O quinto inverno, un poema coreográfico límpido, á vez tenro e potente, construído a partir das palabras do escritor e poeta italiano Erri de Luca.

O dúo artístico composto por María Muñoz e Pep Ramis escenifica nesta peza a relación entre dúas persoas nun espazo onde agardan en silencio a que pase outro inverno. Todos os elementos representativos do seu traballo están presentes neste dúo: a composición do espazo escénico, a forza descritiva, o traballo coreográfico e vocal, o tratamento espacial do son e unha depurada iluminación. No corazón de O quinto inverno, os corpos presos deambulan por unha xeografía íntima, suspendida entre o silencio e as voces que os acompañan. Impresionismo sobrio, depuración xestual e valse entre a gravidade e a alegría.

As entradas para o espectáculo, integrado no programa Danza a Escena do INAEM, teñen un prezo de 10 euros e poden ser adquiridas no despacho de billetes do Teatro Principal e na web entradas.abanca.com.

Concerto da RFG
O mesmo xoves, o director galego Diego García ponse á fronte da Real Filharmonía de Galicia nun concerto con obras de Rossini, Mozart e Beethoven. Este recital re-empraza ao concerto de repertorio polaco que ía dirixir o mestre Antoni Wit e que tivo que ser cancelado por mor da saúde do director. Malia a mudanza de batuta e programa, a cita mantén horario e ubicación: no Auditorio de Galicia a partir das 20:30 horas. As entradas, a 12 euros pódense adquirir nos despachos de billetes do Teatro Principal e do Auditorio (neste caso só o propio xoves) e en entradas.abanca.com.

Manoliño Nguema
O venres 15 de decembro, ás 20:30 horas, o Teatro Principal acolle o espectáculo Manoliño Nguema. Dous mundos que se tocan. Tres artistas guineanos, expoñentes de tres xeracións diferentes, descobren a través das cancións, o baile e a percusión, a apaixonante historia real de Manoliño Nguema, pai do teatro de Guinea Ecuatorial que se formou no Circo dos Muchachos en Bemposta (Ourense).

A recadación das entradas, cun prezo de 10 euros, empregarase na realización dun documental sobre a figura de Nguema. Poden ser adquiridas no despacho de billetes do Teatro Principal.

Circo e ópera
Circo e ópera centran a tarde do sábado. Ás 19:00 horas, a Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta serve de escenario para Fragmentada, un espectáculo de teatro físico e trapecio para público adulto. Esta produción de PuntoCero, creada, dirixida e interpretada por Zenaida Alcalde, colócanos ante a mirada fráxil, honesta e cómica que unha muller se fai nun exercicio de autocrítica. Unha fiestra á intimidade da personaxe, que convida ao público a compartir con ela as súas inquedanzas e atender o sufrimento que motivan as restricións impostas o exterior e o interior. O prezo das entradas é de 3 euros e poden ser adquiridas no Teatro Principal e entradas.abanca.com.

O mesmo día, a partir das 20:30 horas, a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) leva ao Teatro Principal a súa segunda produción operística. Il Segreto di Susanna é unha ópera cómica nun acto ao que poñen voz a soprano moldava Clara Jelihovschi Panas, o barítono Javier Franco e o actor e dramaturgo galego Candido Pazó. Música do Taller Atlántico Contemporáneo nunha obra que conta coa dirección musical de Diego García e a dirección escénica de Pazó. As entradas teñen un prezo de 10 euros (co desconto do 50% para as/os asociadas/os de ADOC).

Concerto da Banda Municipal
Xa o domingo 17 de decembro, ás 12:00 horas, a Banda Municipal de Música de Santiago ofrecerá no Teatro Principal un concerto que forma parte do Ciclo de Novos Intérpretes. Casiano Mouriño dirixe un programa con obras de F. von Suppé, A. Reed e A. Khatchaturian, no que Mariña Palacio Fernández intervén como óboe solista. A entrada é de balde.

Direcciones relacionadas



Compartir: