EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Teatro Principal acolle este martes o Festival de Nadal da Escola Municipal de Música

11/12/2017 Este martes 12 de decembro, ás 19:30 horas, o Teatro Principal acolle o Festival de Nadal 2017 da Escola Municipal de Música. Máis de 180 músicos e músicas das diferentes agrupacións da EMM subiranse ao escenario para dar a coñecer o traballo realizado durante os últimos meses. Para a asistencia é necesaria a retirada da correspondente entrada previa petición na Escola Municipal de Música, ata completar o aforo do recinto.

No Festival de Nadal da EMM participarán a Orquestra de Corda, composta por 20 músicos/as; a Bandiña, con 32 compoñentes; a Banda con 45 músicos/as, o Coro de Adultos, con máis de 35 compoñentes; a Agrupación de Música Tradicional, con 30 compoñentes, e o Combo de Música Moderna, con 20 alumnos e alumnas. Os/as intérpretes estarán acompañados/as dos seu profesorado.

No que vai de curso, as diferentes agrupacións da Escola xa teñen participado en actos como o Día Internacional da Cidade Educadora ou a entrega do X Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, e mesmo realizado un Concerto para a Veciñanza.

Na actualidade, a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta cunha matrícula de 413 alumnos e alumnas a partir dos 3 anos, e con 18 profesores e profesoras, que imparten 18 especialidades instrumentais.

Documentos relacionados



Compartir: