POLÍTICAS SOCIAIS

Os "Almorzos do bo facer" rematan coa recollida das propostas achegadas polas cooperativas participantes

05/12/2017 As cooperativas e entidades que participaron nos Almorzos do bo facer entregaron as catro propostas saídas dos mesmos para que sexan estudadas polo Concello para así poder recibir o seu apoio. A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e a técnica municipal de Promoción Económica, Carme Casado, recibiron as iniciativas no último dos encontros, denominado "Almorzo Proxecta" e celebrado na Sala Numax.

Unha das propostas é a elaboración participativa dun plano de contratación e consumo responsable a nivel municipal para mudar as políticas de contratación e compra pública. Os obxectivos son: fomentar unha empregabilidade digna e facilitar e promover o acceso de empresas da economía social municipal ás contratacións e licitacións públicas. Tamén se pretende facer partícipe do proceso ao persoal técnico do Concello, para enmarcar adecuadamente as demandas reais aos requisitos legais.

O segundo proxecto aposta por realizar unha campaña de visibilización da economía social de Compostela, mostrando este modelo á cidadanía. Para iso é necesario por en valor, con datos prácticos e reais, este modelo económico. Ademais, precisaríase crear unha rede metropolitana de apoio á economía social.

Outra das propostas é a de crear unha área especializada no Concello de apoio e coordinación ás empresas da economía social, e de programas de fomento da economía social. Trataríase de atender, asesorar e acompañar iniciativas de economía social. Esta iniciativa plasmaríase na convocatoria dun programa específico para a economía social.

O último proxecto presentado este martes pretende fomentar o consumo de produtos e servizos de xeito interno, creando unha rede que permita socializar contactos e proxectos e ampliar a base sectorial. Tamén se melloraría o Catálogo da Economía Social do Concello, facéndoo visual, accesible e práctico.

Compartir: