PATRIMONIO

Santiago, Ames e Teo impulsarán unha mancomunidade para a xestión do patrimonio rupestre do Val da Maía

02/12/2017 O Concello de Ames acolleu a primeira xuntanza comarcal para impulsar a arte rupestre no Val da Maía. Participaron do encontro os responsables dos departamentos de Patrimonio dos concellos de Ames, David Santomil; Santiago de Compostela, Jorge Duarte; e Teo, Pilar Faxil, xunto co deputado provincial Xosé Regueira. A finalidade é constituír un plan comarcal de ámbito supramunicipal entre os tres concellos e solicitar financiamento á Deputación da Coruña, para o que se estableceu un calendario de xuntanzas entre todas as partes implicadas para avanzar na constitución dunha mancomunidade no ámbito arqueolóxico e do patrimonio cultural.

Os concellos de Ames, Santiago e Teo constitúen unha área arqueolóxica das más importantes de Galicia, xa non só pola abundancia, senón pola calidade e conservación dos petróglifos. Actualmente pódense contar máis de cen xacementos entre os tres municipios no Val da Maía e a contorna fluvial do río Sar.

A riqueza arqueolóxica e patrimonial dos concellos de Santiago, Ames e Teo levou aos responsables das áreas de Patrimonio a establecer un calendario de xuntanzas para levar a bo porto a constitución dunha mancomunidade nese ámbito, da que resulte a elaboración dun plan director comarcal, para o que solicitarán o financiamento da Deputación da Coruña.

O tres concellos tamén queren agradecer ao colectivo A Rula o traballo que está a desenvolver para poñer en valor esta área rupestre, así como a proposta presentada para agrupar aos tres municipios neste proxecto.

Compartir: