POLÍTICAS SOCIAIS

Concha Fernández clausura o I Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social

29/11/2017 O edificio da Casa das Asociacións de Benestar Social, CABES, ubicado en Salgueiriños, acolleu a entrega de diplomas do Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social. Os/as participantes recolleron o recoñecemento de mans da concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández.

O alumnado, que participou no programa ao longo deste 2017, estivo formado por persoas adultas pertencentes a unidades familiares en risco de exclusión social, cun proxecto de intervención dos servizos sociais comunitarios e perceptoras dalgún tipo de prestación económica, fose municipal ou autonómica. O perfil de participantes foi moi diverso, aínda que destacaron as persoas de máis de 45 anos que volveron conectar co sistema educativo e as de 18 que desexaban incorporarse a un programa de formación.

A finalidade fundamental da iniciativa era facilitar o cumprimento dos itinerarios de integración social establecidos a persoas que se atopan en risco de exclusión social. Entre as cuestións máis relevantes, o Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social promoveu a mellora das competencias persoais e das habilidades sociais da poboación atendida a través da participación en diferentes actividades vinculadas á vida cotiá. Tamén deu resposta ás necesidades educativas individualizadas de cada persoa participante, axudando na adquisición de coñecementos básicos así como na preparación no acceso a diferentes tipos de probas.

Un total de 287 persoas participou nalgunha das actividades do programa, tanto persoas que retornaron ao sistema educativo asistindo a clases de alfabetización ou educación de adultos, como persoas inmigrantes con baixo coñecemento do galego e do castelán, ou persoas con necesidade de mellora das súas capacidades e destrezas individuais e sociais, necesarias para mellorar a súa autonomía.

O Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social contou ademais cunha serie de obradoiros e sesións monográficas impartidas por profesionais especializados sobre manexo de accidentes e resolución de conflitos laborais, sistema público de saúde, vías de formación e emprego, medicación ou certificados de profesionalidade, entre outros.

Compartir: