ALCALDÍA

Martiño Noriega visita o Museo do Pobo Galego

27/11/2017 O alcalde visitou este mediodía o Museo do Pobo Galego, acompañado polo director do centro, Carlos García, e polo presidente do Padroado do Museo, Justo Beramendi. A visita responde ao convite da entidade e enmárcase, segundo explicou Martiño Noriega, "na aposta que están a facer as diferentes administracións para converter o Museo do Pobo Galego no museo nacional do país".

O alcalde lembrou que "os orzamentos do Consorcio para o próximo ano incluirán unha partida de 400.000 euros para unha primeira actuación que permita recuperar a ala sur do edificio e ampliar o espazo expositivo do Museo". Martiño Noriega explicou que "o obxectivo é termos un Museo do Pobo Galego mellorado e ampliado de cara ao Ano Santo de 2021".

O reto da rehabilitación e a adecuación para usos de oficinas, talleres e exposicións do Museo do Pobo Galego, da zona que ocupou o Colexio de Xordos dende 1864 ata tempos recentes, no extremo da ala sur, suporá un investimento global que roldará os 2 millóns de euros ata o Ano Santo 2021, o que permitirá ademais a súa apertura ao público.

Compartir: