ALCALDÍA

Compostela Solidaria prepara un novo concerto benéfico

27/11/2017 O alcalde de Santiago mantivo unha reunión con representantes da asociación Compostela Solidaria, que informaron a Martiño Noriega sobre os preparativos do seu III Concerto Solidario. Será o 15 de decembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Abanca, e os fondos recadados irán nesta ocasión para a asociación Centinelas.

O presidente da asociación Compostela Solidaria, Luis Rivero, xunto co vicepresidente, Carlos Nieves, e o secretario da entidade, Ramón Trillo, explicaron ao alcalde que, nesta edición, a gala musical recadará fondos para a asociación Centinelas, que traballa fundamentalmente co colectivo de mulleres inmigrantes, moitas delas en risco de exclusión social. Centinelas ofrécelles apoio na súa vida diaria, así como un servizo de gardaría para aquelas que teñen fillos.

O concerto contará coa actuación de Los Chelines, Los Voces, Fabulosos Weekends ou James Band, entre outros. Todos estes grupos están integrados por músicos que formaron parte da escena musical de Compostela nos anos 60.

Compartir: