POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello celebrará o Día Mundial das Discapacidades coa proxección no Principal do documental "Máis ca vida" e da curta "Vida"

27/11/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou xunto co director e actor Rubén Riós, os dous traballos audiovisuais cos que se quere conmemorar o 4 de decembro, Día Mundial das Discapacidades. O documental Máis ca vida e a curtametraxe Vida serán proxectados no Teatro Principal o domingo 3 de decembro, ás 18:00 horas. Haberá tamén un coloquio e unha actuación do grupo Máis Boas cás Patacas". A entrada será de balde ata completar aforo.

Concha Fernández indicou que este traballo audiovisual "móstranos a persoas con capacidades diversas e distintas, e tamén demostra que todas as persoas somos distintas e temos moito para aportar ao noso entorno". Así, o obxectivo destas proxeccións é que toda a veciñanza de Santiago poida "coñecer este traballo audiovisual de vida" xa que, segundo dixo, "é necesario mudar actitudes sobre a diversidade funcional, e este documental é unha maneira de facelo".

Logo da proxección haberá un coloquio co director, Rubén Riós, e coa actriz e actor protagonistas, Mónica e Óscar. Por último, haberá unha actuación de Máis Boas cás Patacas,un grupo que fai letras inclusivas para os seus temas, moi en consonancia coa proxección.

Rubén Riós, artífice do proxecto, presentou o seu documental como "algo que me cambiou a vida, pois eu ía ensinarlles a 20 persoas con diversidade funcional a facer cinema, pero eles ensináronme a vivir". Sobre o documental Máis ca vida, o director describiuno como "unha peza de 50 minutos na que falamos sobre os procesos e as capacidades", e incidiu en que estamos nun momento da vida no que hai que educar mediante o proceso e non pensando no obxectivo.

Vida, a curta de 17 minutos sobre a diversidade funcional, é para Riós "unha peza na que non nos fomos cara os paternalismos, senón a facernos pensar para chegar ás respostas e a atopar unha solución".

O director tamén quixo deixar clara a súa aposta polas artes plásticas e outras actividades artísticas para axudar a visibilizar e reivindicar as persoas con diversidade funcional. Como exemplo puxo o grupo Máis Boas cás Patacas", que actuará logo do coloquio.

Compartir: