ALCALDÍA

A cidade de Quito (Ecuador) toma como referencia o modelo de xestión do casco histórico de Santiago

27/11/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu un grupo de arquitectos e expertos da cidade ecuatoriana de Quito que están en Santiago para coñecer os traballos de rehabilitación e xestión do centro histórico. Quito está a traballar no Plan de Xestión do seu centro histórico e elixiu a cidade de Santiago como un modelo de referencia. Tras ser recibida polo rexedor, a comitiva visitou o Pazo de Raxoi acompañada tamén polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, e pola xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Martiño Noriega expresou a súa satisfacción polo "intercambio de experiencias" que permite este tipo de visitas, especialmente nun momento como este no que Santiago está a redactar o seu novo Plan Especial. A este respecto, o concelleiro Jorge duarte lembrou que "estamos traballando no Plan de Xestión que acompañará o Plan Especial", que determinará os usos en materias como vivenda, turismo, comercio ou mobilidade. "As formas non serven se non se regulan os usos", reiterou o edil a propósito da importancia deste Plan de Xestión para "ter unha cidade viva".

Quito tamén está a elaborar o Plan de Xestión do seu centro histórico. O seu director, Santiago Orbea, recalcou a importancia que para o mesmo supón estreitar vínculos con outras cidades, "e en especial con esta, da que nos quedamos coa moita experiencia que ten na protección do patrimonio e na xestión urbanística".

Primeira cidade Patrimonio da Humanidade
A cidade ecuatoriana de Quito foi a primeira do mundo en ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1978. Na actualidade está a traballar no Plan de Xestión do seu centro histórico e, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), elixiron as cidades españolas de Santiago e Málaga como modelos de referencia "innovadores e sostibles" que van servir para o deseño e implantación do seu plan. Vencellado a esta iniciativa, un equipo de expertos de Santiago desprazouse a Quito o pasado mes de outubro para participar nun programa de asesoramento e explicar ademais o modelo do Consorcio de Santiago.

Esta semana é un equipo procedente de Quito -integrado por varios arquitectos, un avogado, un economista e un sociólogo- o que se achegou a Santiago para coñecer de preto os traballos de rehabilitación e de xestión do centro histórico compostelán. A finais de semana, o grupo desprazarase a Málaga.

Durante a súa estadía na cidade, a comitiva ten previsto manter unha serie de reunións tanto con técnicos municipais como con técnicos do Consorcio de Santiago. Ademais de ao Pazo de Raxoi, como exemplo de edificio monumental, realizarán diversas visitas guiadas a obras dirixidas polo Consorcio, como vivendas rehabilitadas na cidade histórica, o servizo de conservación e mantemento dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica, mellora de locais comerciais, inmobles do programa de edificios tutelados; xunto cunha visita ao novo Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación (Pontepedriña de Arriba), cuxo proxecto elaborou o Consorcio e ademais dirixiu as obras.

O grupo ecuatoriano participará tamén no encontro sobre plans de xestión de Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas que se vai celebrar mañá martes no Museo das Peregrinacións.

Compartir: