ACCIÓN CULTURAL

Lasso é xa a nova cafetería-restaurante do Auditorio

22/11/2017 O servizo de restauración do Auditorio de Galicia abre de novo as súas portas. Este mércores 22 de novembro, Día Internacional da Música, é a data escollida para a festa de inauguración de Lasso, que comezará ás 20:00 horas e contará con música electrónica en directo por conta de DJ Mil. O espazo, que iniciou a súa actividade este luns, toma o nome do apelido materno do arquitecto responsable da construción do Auditorio, Julio Cano Lasso.

Nesta nova etapa, a xestión do servizo de cafetería e restaurante do Auditorio de Galicia será asumida pola sociedade Mariño Ultra, resultante do proceso público de adxudicación aberto en xullo deste mesmo ano. O prego de licitación, publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o mércores 12 de xullo, establecía como requirimentos económicos o pago dun canon anual mínimo de 5.000 euros e o compromiso cun investimento non inferior a 25.000 euros ao longo de dez anos. Amais da oferta económica, a avaliación da proposta tivo en conta outros elementos vencellados ao modelo de negocio e á súa viabilidade económica. Entre eles, a oferta gastronómica (8 puntos), o calendario e horarios de apertura (10 puntos), o cadro de persoal (9 puntos), o plan de mantemento e conservación das instalacións (6 puntos), a observancia de certas pautas medioambientais (5 puntos) e as actividades culturais e extraordinarias previstas polas persoas e empresas candidatas á xestión (5 puntos ). Cun total de 43 puntos de 55 posibles, a proposta de Mariño Ultra foi finalmente seleccionada como adxudicataria da cesión na mesa de contratación celebrada o 29 de setembro. As bases de adxudicación, dispoñibles para a consulta no Oficina Virtual do Auditorio de Galicia, establecen un período de execución do contrato de 10 anos que poderán ser prorrogados por dous máis ate un máximo de 12 en total.

A apertura da Lasso, logo de dous meses de acondicionamento do local, vén cubrir un servizo longamente demandado polo público asistente aos espectáculos do Auditorio. A hostaleira compostelá Noa Díaz é a nova xerente desta cafetería –restaurante, que abrirá de luns a venres de 9:00 a 16:00 horas, e tamén prestará o seu servizo nos días que o Auditorio acolla espectáculos (en horario variable de 19:30 a 23:30 h). A oferta gastronómica da Lasso inclúe servizo de almorzo (de 9:00 a 12:00 h), de xantar (de 13:00 a 16:00 h), servizo de cafetería e tapas antes e despois dos concertos e unha pequena carta para a cea con propostas sinxelas para picar e partillar.

A súa proposta cultural inclúe actividades de aforo reducido a desenvolver nas propias instalacións, que servirán de complemento á actividade programada no Auditorio, con conversas, debates, performances ou actuacións de DJ coma a prevista para esta noite.

A participación na inauguración da Lasso é de balde sen necesidade de reserva previa.

Compartir: