MEDIO AMBIENTE

Parques e Xardíns estrea páxina web con preto de 1.700 referencias

22/11/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou hoxe a nova web do Departamento de Parques e Xardíns, Compostela Verde. Xan Duro estivo acompañado por Miguel Lois Barreiro, de Ferrovial, encargado de desenvolver o portal.

Xan Duro mostrouse "moi satisfeito con este novo recurso, dunha enorme utilidade e á que a cidadanía pode contribuír a mellorar achegando fotografías ou documentación". O concelleiro expresou o seu desexo de que a web "sirva para dar coñecer mellor o potencial das zonas verdes de Compostela e animar a veciñanza a gozar delas".

Preto de 1.700 referencias
Miguel Lois Barreiro, responsable do desenvolvemento da web, explicou que "a día de hoxe están xa cargados no portal preto de 1.700 elementos, pero a intención é seguir completando a información". O principal apartado da páxina é un mapa "no que se poden activar ata 14 capas diferentes con recursos moi variados".

No mapa están sinalizados os parques e xardíns de Compostela, as árbores singulares, con información detallada de cada exemplar; e as 66 masas arboradas identificadas no municipio. Tamén se detallan os espazos singulares dentro dos propios parques, como por exemplo o Paseo Central da Alameda; máis de 500 elementos relacionados coa auga (muíños, fontes, lavadoiros…), e preto de 400 elementos patrimoniais (petróglifos, hórreos, palcos de música…).

Outras capas mostran as hortas urbanas, os miradoiros naturais ou construídos, os máis de 80 parques infantís do municipio e as máis dun cento de instalacións deportivas. Por último, pódese consultar información sobre os parques biosaudables, as áreas de compostaxe, os equipamentos socioculturais, os espazos habilitados para cans ceibos e os sendeiros de Compostela.

A web complétase con información máis xenérica do Departamento municipal de Parques e Xardíns, cun espazo de novas e cun acceso directo á Liña Verde para que a veciñanza poida presentar incidencias.

Direcciones relacionadas



Compartir: