MEDIO AMBIENTE

Os CSC de Vite e do Ensanche acollen este xoves dous obradoiros para restaurar computadores refugados

22/11/2017 No marco da campaña "Longa vida aos teus residuos electrónicos" e con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos, o colectivo Tropa Verde organiza dous obradoiros este xoves 23 de novembro. Realizaranse nos centros socioculturais de Vite, ás 17:00, e do Ensanche, ás 19:30 horas. Esta iniciativa lévase a cabo grazas a colaboración do Concello coas empresas Teimas Desenvolvemento, Revetia e Recyclia.

O obxectivo destas dúas actividades é que os/as asistentes tomen conciencia do importante que é para o medio ambiente unha correcta xestión deste tipo de residuos. Ademais, váiselles ensinar a valorizar de maneira sinxela algúns destes aparellos. Así, facer un traballo de restauración de equipos informáticos pode evitar a emisión de CO2 equivalente ao consumo dun coche durante 1.600 quilómetros.

Nos obradoiros realizarase casos prácticos de reutilización para computadores, mostrándolle ás persoas participantes como abrir a carcasa e os principais compoñentes que se poden cambiar, o borrado seguro da información dos discos duros e como volver instalar o sistema operativo.

Para seguir co lema da Tropa Verde "Reciclar ten premio", sortearase entre todas as persoas participantes un PC de sobremesa refugado.

Só en España xéranse 800 mil toneladas ao ano de residuos eléctricos e electrónicos, dos que apenas un terzo se xestionan de maneira acaída.

Direccións relacionadas



Compartir: