PLENO

O Concello aproba unha declaración institucional "por unha sociedade sen violencias machistas"

16/11/2017 O Pleno da Corporación Municipal aprobou esta tarde unha declaración institucional na que o Concello de Santiago se compromete a "seguir tendo a violencia de xénero como unha das máximas prioridades na axenda política, a seguir incrementando os recursos municipais destinados a estas políticas e a continuar desenvolvendo medidas de concienciación do conxunto da veciñanza e de prevención e educación para a igualdade entre as persoas máis novas".

O texto acordado polos catro grupos da Corporación lembra que a violencia machista aféctalle, segundo ONU Mulleres, a un 35% das mulleres do Planeta. No conxunto do Estado, 44 mulleres foron asasinadas por violencia machista no que levamos de ano, unha delas en Galicia. Na última década, foron 574 as mulleres asasinadas.

A declaración institucional sinala que "a loita contra este tipo de violencias debe ser unha prioridade institucional e política para as administracións de todos os niveis de goberno" e engade que "é urxente mellorar o marco legal actual, entre outras cousas, revisando a propia definición de violencia de xénero e o seu alcance, recoñecendo xuridicamente o fenómeno do feminicidio e incluíndo apoio económico, psicolóxico e social tanto para as mulleres nesta situación como para os fillos e fillas".

O texto aprobado hoxe tamén insta á Xunta de Galicia a que avance na concreción do Pacto galego contra as violencias machistas acordado por unanimidade polo Parlamento galego o pasado 25 de xaneiro, e que, "en todo caso, comece por incrementar o orzamento de 2018 para a prevención e a loita contra todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres co obxectivo de acadar o 1% do orzamento autonómico".

Outros acordos
A Corporación tamén aprobou hoxe, por unanimidade, unha proposición do PP sobre a ampliación do abastecemento e saneamento na parroquia de Bando. Durante a súa intervención, o concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, adiantou que "o Concello xa ten solicitada a autorización de Augas de Galicia para acometer obras de saneamento nalgún punto da parroquia". Tamén explicou que o Goberno ten previsto acometer novas obras na rúa Teresa Jornet "para mellorar a actuación que se executou no seu momento, e que resulta insuficiente".

Ademais, saíu adiante unha moción do PP para a adopción de medidas urxentes para a protección do patrimonio rupestre. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade aproveitou o Pleno para dar conta das medidas que se están a poñer en marcha en relación a ese patrimonio. Jorge Duarte apuntou que o Goberno está a traballar conxuntamente cos concellos de Ames e Teo "co obxectivo de crear un parque rupestre de ámbito comarcal".

A proposta do PSOE, hoxe aprobouse unha moción que insta á Xunta de Galicia a incluír nos seus orzamentos de 2018 a partida necesaria para a construción do centro de saúde de Conxo, e a iniciar a licitación do proxecto á maior brevidade posible.

Por último, o Pleno da Corporación aprobou unha moción presentada polo grupo de Compostela Aberta para solicitar a retirada do Anteproxecto de reforma da Lei Galega de Saúde e a restitución das Xerencias de Atención Primaria, dotándoas de medios e recursos. O texto contou co respaldo da Plataforma SOS Sanidade Pública, representada no pleno coa intervención de Xosé María Dios.

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, lamentou especialmente que "non chegaran a poñerse en marcha os Consellos de Saúde de Área, nomeadamente o de Santiago". Tamén lamentou "a redución das prazas na sanidade pública, tanto na atención primaria como os hospitais, e a masificación das cotas dos profesionais médicos, que se ven obrigados a atender a unha media de 40 ou 50 pacientes diarios".

Compartir: