SANIDADE

A Rede Galega de Defensa da Saúde Pública presenta o informe "Cinco anos de discriminación sanitaria en Galicia"

16/11/2017 A Rede Galega de Defensa da Saúde Pública, conformada polo Foro Galego de Inmigración, Médicos do Mundo, Amnistía Internacional, Plataforma SOS Sanidade Pública e a Asociación Galega de Medicina Familiar, presentou o informe Cinco anos de discriminación sanitaria en Galicia. Na rolda de prensa, celebrada no Concello, interviñeron Miguel Fernández (FGI), Enriqueta Lois (AI), Jesús Sueiro (Agamfec), Manuel Martín (SOS Sanidade) e Inés Fernández de Córdoba(MdM).

Estas entidades traballan en dúas vías complementarias: dun lado loitan contra os recortes na sanidade pública e o desmantelamento do sistema; doutra banda céntranse no dereito á saúde das persoas que atravesan un proceso de migración case sempre traumático e se atopan na nosa comunidade.

O informe, realizado por Médicos do Mundo Galicia coa colaboración do Concello de Santiago, recompila as vulneracións das que foi testemuña MdM durante os anos 2016 e 2017.

Os casos recollidos falan dunha discriminación constante que sofren as persoas migrantes na nosa comunidade á hora de acceder ao sistema de saúde e denuncian que a información que manexa a poboación sobre a Sanidade é falsa. Ante afirmacións como "A atención sanitaria é gratuíta e universal", o informe recompila vulneracións da accesibilidade por falta de información ou información incorrecta, por discriminación, accesibilidade física ou económica. Da mesma forma, moitas persoas acudiron –e acoden cada día– a Médicos do Mundo por facturacións sistemáticas no servizo de urxencias e por negárselles a atención continuada despois de abandonar o hospital.

Dentro das persoas que viron o seu dereito á saúde vulnerado chama a atención o trato aos pacientes con enfermidades crónicas. Só no ano 2016 MdM rexistrou 44 casos de patoloxías crónicas, polo que rexeitan a veracidade da afirmación "se tes cancro serás atendido na sanidade pública".

Cinco anos de discriminación sanitaria en Galicia recolle casos concretos de persoas que buscaron a axuda de Médicos do Mundo, as cifras das desas 107 persoas e datos presentados por outras entidades de autoridade, traxectoria e compromiso no campo da saúde para desmontar afirmacións como "as persoas migrantes saturan o sistema", "todos os menores teñen dereito a un pediatra" ou "co Programa de Galego de Saúde aténdese a todo o mundo", entre as referidas anteriormente.

A Rede Galega de Defensa da Saúde Pública é contundente: "para poder establecer garantías contra a discriminación nas leis e regulamentos hai que abolir por completo o Real Decreto-lei 16/2012". Engade que recoñecer que a discriminación nos centros sanitarios é un dos principias obstáculos para o logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable implica traballar de forma coordinada co obxectivo de recoñecer como se dá esta discriminación e poñerlle fin.

Direccións relacionadas



Compartir: