ACCIÓN CULTURAL

Costa-Gavras chega a Compostela para recibir o Premio Cineuropa

16/11/2017 O ollar subversivo e disidente de Konstantinos Costa-Gavras fixo del un dos realizadores europeos máis respectados e un autor fundamental no achegamento fílmico á realidade político-social do século XX. Cineuropa distingue en 2017 a traxectoria deste director fondamente comprometido co espírito combativo e crítico do cinema, que hoxe preside a Cinemateca Francesa. Costa Gavras chega mañá venres a Compostela e será recibido ás 12:30 horas polo alcalde, Martiño Noriega, na Casa do Concello.

O realizador franco-grego é un dos autores máis queridos polo público do festival. Ao longo dos 30 anos de historia de Cineuropa, foron proxectadas A confesión (1970), Estado de sitio (1972), Unha muller singular (1979), Hanna K (1983), Amén (2002), -distinguida co Premio do Público ese mesmo ano- Arcadia (2005) e Edén ao oeste (2009). Este filme premonitorio, no que o cineasta abordou con gran sensibilidade e certas doses de humor o conflito migratorio, volverá pasarse este ano xusto despois da cerimonia de entrega do Premio Cineuropa ao autor, programada o sábado 18, ás 19:30 horas, no Teatro Principal. O acceso á cerimonia é de balde previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal.

Esa mesma tarde, ás 16:00 h, no Salón Teatro, terá lugar a exhibición de Missing (Desaparecido) , Palma de Ouro en Cannes e Oscar ao mellor guión en 1982, que, segundo o director de Cineuropa, José Luis Losa, marcou un antes e un despois na imaxe internacional da ditadura de Pinochet, xa que "nada foi igual para a imaxe daquel Chile no mundo despois de Missing, que se erixiu en insólita arma política de deflagración da denuncia que calou máis aló da pantalla".

Dende o seus inicios no cine, Costa Gavras virou en audaz e incisivo cronista dos grandes conflitos políticos e sociais do mundo occidental. Retratou os actos dos coroneis gregos para impoñer a ditadura en Z, filme de 1969 guionizado por Jorge Semprún e protagonizado por Yves Montand, as purgas estalinistas en A confesión (1970), tamén con guión de Jorge Semprún; a revolución dos tupamaros en Estado de sitio (1973); o golpe de estado de Pinochet en Missing (1982); os presaxios da traxedia palestina en Hanna K, filme de 1983 que sufriu unha nada velada censura; a complicidade do sistema con criminais e xenocidas en A caixa de música (1989), O sendeiro da traizón (1988) ou Amen (2002); a traxedia do paro en Arcadia (2005), ou a cobiza da banca en El capital (2012).

O seu estilo cinematográfico distínguese por un ritmo dinámico proporcionado polo guión, e o atinado traballo de dirección e montaxe, responsables da xeración de fitas cheas de intriga, acción e misterio que non perden de vista o senso crítico e a análise política. A propósito da estrea de El capital, o mesmo Costa-Gavras confesou: "O meu único compromiso é unha certa ética, xunto coa realización dun espectáculo interesante, na liña de Sófocles ou Molière".

O Premio Cineuropa súmase aos constantes recoñecementos á traxectoria deste comprometido cineasta. En 2016 foi investido doutor Honoris Causa pola Universidade Complutense de Madrid e, xa neste ano 2017, recibiu o XXIX Premio Internacional de Cataluña e o Premio de Honra Luis Buñuel do Festival de Huesca.

Unha ollada á axenda cinematográfica do venres
Recoñecido coa mención especial no Festival de Locarno en 2016, o filme Mister Universo (2016), de Tizza Covi e Rainer Frimmel, estréase o venres, ás 21:30 h, no Salón Teatro. A fita trae canda si unha particular, tenra e desencantada ollada ao mundo do circo, nunha filmación de estilo documental que a achega ao neorrealismo italiano. O público de Cineuropa poderá, así, coñecer a Tairo, un mozo domador de leóns que nos convida a entrar na idiosincrasia circense de personaxes cativadores, humanos e desmitificados.

Pero non é esta a única estrea do venres. Os Multicines Compostela acollerán ás 20:45 horas o filme que arrasou cos mellores premios do Festival de Río de Xaneiro de 2016, Mulher do pai (2016), de Cristiane Oliveira, un pequeno gran relato sobre as relacións familiares contado con habilidade e un mesurado dramatismo do que se goza ata o mínimo detalle.

Pola tardiña, ás 18:30 h no Teatro Principal, teremos unha nova ocasión de asistir á exhibición de La caméra de Claire (A cámara de Claire, 2017), peza de Hong Sang-soo protagonizada por dúas suxestivas personaxes femininas ás que poñen corpo e voz Kim Min-hee, actriz fetiche do director, e a carismática Isabelle Huppert. Precisamente, Huppert centra a atención do seguinte filme a proxectar no Teatro Principal, Madame Hyde (2017), unha excéntrica e efervescente comedia de Serge Bozon que se pasará ás 19:45 h.

A seguir coa atención que a 31ª edición de Cineuropa dirixe aos procesos revolucionarios que marcaron o século XX, a axenda do día inclúe a programación dos filmes No intenso agora (2017), de João Moreira Salles (ás 21:30 h no Teatro Principal), e Le fond de l’air est rouge (O fondo do aire é roxo, 1977), de Chris Marker (Multicines Compostela ás 17:30 h). Serán os últimos pases de ambas as dúas películas, ao igual que de Ex Libris: New York Public Library, documental do imprescindible Frederick Wiseman que vén de acadar o Premio FIPRESCI no Festival de Venecia.

Direccións relacionadas



Compartir: