DEPORTE

Santiago acolle o venres e o sábado o Campionato de España de Karate cadete, júnior e sub-21

16/11/2017 O Multiúsos Fontes do Sar acolle o 17 e o 18 de novembro o Campionato de España de Karate nas categorías cadete, júnior e sub-21. A competición será válida para obter praza nos campionatos europeos de karate de 2018, que se celebrarán na cidade rusa de Sochi.

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou este Campionato de España acompañada do presidente da Federación Española de Karate, Antonio Moreno, e da presidenta da Federación Galega de Karate, Carmen Barro. Os tres coincidiron na importancia desta cita, na que participarán uns 700 karatekas, complementada co curso de arbitraxe celebrado estes días e no que participaron uns 100 árbitros e 27 aspirantes a árbitros nacionais.

"Para nós sempre é un pracer ser sede e acoller campionatos destas características, sobre todo de disciplinas deportivas emerxentes como o karate", afirmou Noa Morales, convencida de que este tipo de encontros "favorece a popularidade destas disciplinas deportivas que ata hai pouco eran consideradas minoritarias". Ademais, animou á veciñanza a achegarse ao Multiúsos do Sar este venres e sábado.

Pola súa parte, Antonio Moreno indicou que o éxito en participación está asegurado, "non só polo número de árbitros e karatekas, senón pola asistencia de afeccionados e afeccionadas de toda España que virán a Santiago". O presidente agradeceu o esforzo da Federación Galega de Karate na organización e o do Concello polas facilidades dadas para a celebración do Campionato. Sobre a calidade da proba, lembrou que entre os participantes estarán tres campións do mundo nas súas categorías.

Tamén en relación á participación, a presidenta da Federación Galega de Karate e vicepresidenta da Federación Española apuntou que "a selección galega de karate achegará un total de 46 deportistas, dous dos cales xa participaron nos campionatos do mundo". Carmen Barro tamén deu as grazas á concelleira Noa Morales e á Alcaldía polo apoio prestado á celebración desta competición.

Este Campionato dirimirá os campiós e campioas de España nas categorías cadete (mozos e mozas de entre 14 e 15 anos), júnior (16 a 17 anos) e sub-21 (18 a 20 anos).

Direccións relacionadas



Compartir: