ACCIÓN CULTURAL

O Premio Antonio Fraguas busca un ano máis as mellores investigacións sobre o traxe galego

16/11/2017 A Asociación do Traxe Galego, coa colaboración do Concello de Santiago e do Centro Comercial Compostela, convoca a XXIII edición do Premio Antonio Fraguas de Investigación sobre o Traxe Tradicional Galego. Os mellores traballos analíticos e descritivos sobre esta indumentaria serán galardoados un ano máis con 1.200 e 600 euros, respectivamente.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta nova convocatoria do Premio Antonio Fraguas, do que destacou a súa importancia para a recuperación do traxe, que "é parte da nosa cultura e da nosa tradición, e axúdanos a descubrir de onde vimos".

Nesta idea coincidiu tamén o xefe de xefe de Relacións Externas de El Corte Inglés-Santiago, Pati Blanco, que expresou o compromiso con este certame e co Día do Traxe Galego das festas do Apóstolo, que "afondan neste feito cultural" e son "un estímulo para achegar a máis xente a este mundo".

Finalmente, a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray, animou á participación e, en particular, a investigar non só a vestimenta completa, senón tamén pezas soltas, o calzado ou as xoias. Ademais, aproveitou a rolda de prensa para anunciar a próxima publicación dalgunha obra premiada en anteriores convocatorias, e para reitera o desexo de contar en Galicia cun Museo do Traxe.

Descritivos ou analíticos
Considéranse dúas modalidades para o Premio. Por un lado, a catgoría de traballos descritivos abrangue aqueles que, recuperando traxes, especifiquen a materia con que están feitas as pezas, presenten patróns e medidas ou indiquen onde se atoparon, onde están actualmente e de que época é cada unha das pezas analizadas. Por outra parte, serán avaliados como traballos analíticos os que ademáis pescuden información sobre a autoría do traxe e os mecanismos empregados, a forma de traballo ou a área de distribución da súa produción. Nesta modalidade valórase non só a recolleita e catalogación das formas, senón tamén a influencia de aspectos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos.

Os traballos presentados serán avaliados por un xurado composto por Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro; Xesús Ferro Ruibal, académico e membro do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e Xosé Manuel González Reboredo, do Padroado do Museo do Pobo Galego.

Entrega de traballos e fallo do xurado
A data límite de entrega dos traballos é o xoves 30 de novembro. Tras analizar as investigación presentadas, a publicación do fallo do xurado e a entrega de premios terá lugar nun acto previsto para a tarde do xoves 14 de decembro no Pazo de Raxoi.

Asociación do Traxe Galego
A Asociación do Traxe Galego é una entidade cultural sen ánimo de lucro que, coa axuda dos seus máis de 300 socios, vén traballando dende distintas vertentes sobre o obxectivo xeral da promoción, dignificación e uso do noso Traxe Tradicional. Dende 1995, a Asociación do Traxe Galego promove anualmente a convocatoria do único premio de investigación sobre o traxe tradicional existente en Galicia.

Compartir: