DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A sala compostelá Numax amosará o seu proxecto cooperativo no II Foro de Economía Social Inspiradora

15/11/2017 O próximo 28 de novembro celebrarase o II Foro de Economía Social Inspiradora. Emprendemento Cooperativo no edificio municipal Cersia Empresa. O obxectivo do Concello de Santiago con este encontro é dar a coñecer e recoñecer o traballo de empresas cooperativas con valores sostibles, igualitarios e solidarios, dando visibilidade ás entidades que aparecen no Catálogo de Economía Social en Santiago de Compostela, realizado o ano pasado.

No foro as persoas asistentes poderán coñecer e compartir as experiencias de cooperativas como a compostelá Numax, Premio da Cultura Galega 2016 na categoría de Audiovisual; Feitoría Verde ou EntrePedras. Tamén terán presencia as empresas de inserción laboral a través de Anaco, os proxectos de colaboración entre cooperativas e as asociacións que as representan coa participación da Unión de Cooperativas Espazocoop e da Rede de Economía Alternativa e Solidaria (REAS).

O II Foro de Economía Social Inspiradora. Emprendemento Cooperativo encádranse dentro do programa Compostela Móvese 2017 de dinamización económica e na colaboración que o Concello de Santiago establece coa Rede Eusumo impulsada pola Xunta para o fomento e o desenvolvemento da economía social en Galicia. Esta dirixido a persoas interesadas no desenvolvemento da economía social e no mundo do cooperativismo. A inscrición, gratuíta, pode facerse a través da páxina web do Cersia.

Numax é unha cooperativa de traballo asociado e sen ánimo de lucro, formada por persoas procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural, que naceu co aval de case 200 persoas, e que en 2015 obtivo o recoñecemento ao mellor proxecto cooperativo por parte de Xunta de Galicia. O proxecto combina un cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual.

Feitoría Verde é unha cooperativa formada por catro mulleres, que entende a educación ambiental como unha ferramenta imprescindible na sensibilización e participación activa tanto no urbano coma no rural. Como axentes de dinamización social, pretenden potenciar a capacidade de participación das persoas e colectivos, mellorando así a relación co medio ambiente. Conciben a educación ambiental como unha ferramenta para a participación, aprendizaxe mutua, intercambio de experiencias e valorización de recursos e prácticas endóxenas e innovadoras.

EntrePedras é un bar/ restaurante, situado na rúa Hospitaliño, que naceu como un proxecto destinado a ofrecer en Compostela cociña vexetariana e vegana a prezos económicos, nun bo ambiente e no que todo o mundo se puidese sentir coma na propia casa.

As persoas que desexen participar nese foro poden facelo inscribíndose a través da web do Cersia, onde poden atopar tamén a información completa sobre este evento.

Compartir: