ALCALDÍA

A arxentina Rocío Soledad Alejandro recibe o X Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

13/11/2017 O alcalde, Martiño Noriega, presidiu a entrega do X Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, á arxentina Rocío Soledad Alejandro, pola súa obra La huerta de Simón. O álbum será publicado neste mesmo mes de novembro en todas as linguas da Península e, ademáis, a súa autora recibe un premio en metálico de 9.000 euros.

O xurado elixiu La huerta de Simón por unanimidade por ser "un álbum ideal para nenos e nenas, cunha excelente "progresividade narrativa". Ademais, sinálase a "clara intención ecolóxica" a través da "relación colectiva coa terra" e o seu carácter "universal". Nas ilustracións, vese unha "resolución visual dos personaxes" e unha proposta "sinxela, pero non simple", salientando como "moi atinada a contención da cor e a construción da páxina" que aportan "múltiples niveis de lectura".

Nesta X edición do Premio, o xurado estivo formado pola autora Teresa Durán; o escritor Xabier P. Docampo; o ilustrador Miguel Calatayud; o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; o xefe do Departamento de Educación e Cidadanía, Xosé Manuel Rodríguez-Abella; Manuela Rodríguez, en representación de Kalandraka; e Beatriz Varela como secretaria.

Rocío Soledad Alejandro
Rocío Soledad Alejandro vive en Bos Aires (Arxentina). Alí formouse como deseñadora gráfica, pero dende hai moito tempo ve a ilustración infantil como a súa "verdadeira vocación". Grazas á súa participación en obradoiros e cursos de ilustración, puido materializar a súa obra en diferentes traballos. As ilustracións de Rocío Alejandro non só se publicaron no seu país de orixe, senón que ten ilustrado obras de autores e autoras doutros países.

Finalista
A obra finalista deste Premio Compostela de Álbums Ilustrado foi a titulada Distinta, da ilustradora Diana Sofía Zapata Ochoa. A esta décima edición do certame presentáronse máis de 200 traballos procedentes de diferentes países de América, Asia e Europa.

Compartir: