MANTEMENTO E OBRAS

A reurbanización de Rapa da Folla estará executada antes de que acabe o ano

07/11/2017 O concelleiro de Medio Rural, Obras e Mantemento para o Equilibrio Territorial deu conta hoxe do inicio inminente de varias actuacións, que viñan sendo moi demandadas pola cidadanía. Entre elas, Rafael Peña referiuse á reurbanización de Rapa da Folla e á actuación para a mellora da seguridade viaria na Cañoteira de Meixonfrío.

A actuación da Rapa da Folla xa foi adxudicada, cun prazo de execución de cinco semanas, polo que debera estar lista antes de que remate o ano. O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial lembrou que o obxectivo do proxecto é "darlle a Rapa da Folla un tratamento similar a doutras rúas que foron reurbanizadas nos últimos tempos, como Carreira do Conde ou Montero Ríos".

A actuación permitirá substituír as lastras da calzada por un pavimento con mellores condicións de rodadura para os condutores, con maior durabilidade e máis silencioso para os veciños. Tamén se van renovar completamente as beirarrúas, atendendo especialmente á zona de confluencia con Carreira do Conde. O proxecto contempla, ademais, a renovación das luminarias e a colocación de novos contedores do lixo. Os traballos, financiados con fondos da Deputación da Coruña, tiñan un orzamento de licitación de case 45.000 euros.

Cañoteira de Meixonfrío
Tamén quedaron xa adxudicadas as obras de mellora da seguridade viaria da rúa Cañoteira de Meixonfrío, coa previsión de que estean rematadas no primeiro trimestre de 2018. Rafael Peña explicou que a actuación tiña un tipo de licitación de case 235.000 euros, e contempla a construción de sendas peonís en catro tramos, conectados a través de pasos de peóns elevados. Nalgúns puntos illados ampliarase o ancho de rodadura ata os 4,50 metros, mentres que a beirarrúa medirá 1,5 metros de ancho. Ademais, aproveitarase a actuación para substituír a actual rede de abastecemento de auga.

Avenida de Vilagarcía
O concelleiro de Medio Rural, Mantemento, e Obras para o Equilibrio Territorial mostrou a súa satisfacción tamén polo inicio da licitación das obras da avenida de Vilagarcía, "un proxecto moi necesario tendo en conta o estado da rúa". Rafael Peña lembrou que o atraso da actuación responde a que "o anterior goberno non solicitara o preceptivo informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, que finalmente obrigou a modificar substancialmente o proxecto". Tamén lamentou que o financiamento desta actuación "fora vinculada a fondos provinciais, o que tamén dificultou a tramitación posterior dos modificados".

Pavillóns deportivos
O edil deu conta, ademais, do inicio das obras da cuberta do pavillón deportivo do Monte dos Postes, que teñen un prazo de execución de tres meses e un orzamento de preto de 200.000 euros. Tamén explicou que "xa foi adxudicado o proxecto de reparación do pavillón do Santiago Apóstolo, pero as obras comezarán cando rematen as do Monte dos Postes, por cuestións organizativas do Departamento de Deportes". Neste caso, o investimento será de ao redor de 300.000 euros.

O concelleiro aproveitou para explicar que as actividades afectadas polas obras do Monte dos Postes están a ser trasladadas ao pavillón de Fontiñas, e os nenos e nenas serán trasladados en autobús a ese espazo.

Outras obras
Na próxima semana empezarán outras importantes obras na zona rural. Así, arrancarán os traballos de mellora do Local Sociocultural de Bornais, no Eixo, orzamentados con 60.000 euros; e o acondicionamento do campo da festa de Marrozos, que custará 58.000 euros procedentes dos Orzamentos Participativos.
Tamén se acometerán obras no Centro Sociocultural da Xuntanza, e no centro de Cornes. Por último, este venres irá á Xunta de Goberno o inicio da licitación das obras de mellora de accesibilidade nas Cancelas, cun orzamento de 230.000 euros, e do estacionamento disuasorio da avenida de Ferrol, con 150.000 euros.

Compartir: