DEPORTES

Todo listo para a Ruta dos Parques, a terceira proba do VI Circuíto CorreSan

02/11/2017 Este xoves, ás 23:59 horas, remata o prazo de inscrición na Ruta dos Parques, a terceira proba do VI Circuíto de Carreiras Saudables de Santiago, CorreSan, que se disputará o vindeiro sábado 4 de novembro. O percorrido, de 6,1 quilómetros para a categoría absoluta, ten saída na Cidade de Cultura e meta no Parque Eugenio Granell.

A día de hoxe xa hai máis de 650 inscritos nesta Ruta dos Parques, nas categorías absoluta, escolares 1 e escolares 2. Os adultos teñen que pagar unha cota de 6 euros, mentres que a participación dos menores é gratuíta. A inscrición pode facerse de forma presencial no Departamento de Deportes de El Corte Inglés ou a través das webs do CorreSan ou de Carreiras Galegas.

A carreira de adultos/as arrancará as 17:00 horas da Cidade da Cultura, cun percorrido de 6,1 quilómetros que levará os/as atletas polo Bosque de Galicia, dende o que descenderán para chegar á zona de Sar. Seguindo o curso do río, os/as participantes continuarán polo paseo fluvial do Sar e de alí subirán ata o Parque Granell, onde estará situada a meta.

Para as categorías escolares creouse un circuíto con saída e chegada no propio Parque Eugenio Granell. A categoría escolar 1 sairá ás 17:45 horas, para percorrer 1,4 quilómetros, mentres que os/as participantes da categoría escolar 2 sairán ás 18:00 horas e afrontarán un percorrido de 2,6 quilómetros.

Circuíto CorreSan
O VI Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan 2017 é un conxunto de probas para concienciar á cidadanía dos beneficios de facer deporte, para a mellora da súa saúde e da súa calidade de vida. O circuíto CorreSan tamén traslada o deporte ata os barrios e zonas onde normalmente xa se practican diferentes deportes, en especial o atletismo.

O circuíto está aberto á participación de calquera deportista habitual ou eventual que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico en diferentes contornas da cidade. Nas probas teñen cabida atletas de case todas as idades, con distancias adaptadas a cada categoría.

A última proba da edición 2017 do CorreSan será a Mantible-Vite, o sábado 2 de decembro.

Direccións relacionadas



Compartir: