MEDIO AMBIENTE

O CIAC programa un obradoiro de lectura de etiquetas e unha mesa redonda sobre intervención sociocomunitaria

31/10/2017 En novembro seguen as actividades no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), situado no parque de Belvís. Para este mes programouse un obradoiro de lectura de etiquetas, unha mesa redonda sobre intervención sociocomunitaria e o habitual roteiro interpretativo polas Brañas do Sar.

O sábado 18 de novembro, ás 11:30 horas, realizarase un obradoiro de lectura de etiquetas. En ocasións, cando facemos a compra, non sabemos entender moi ben todo aquelo que aparece nas etiquetas dos produtos. Este obradoiro clarificará o seu significado e aportará información precisa sobre selos, certificados e aditivos.

Tamén se achegará información sobre os circuítos de comercialización curta en Galicia e as experiencias que os soportan como alternativas de baixo impacto ambiental e alto valor social e ecolóxico.

A participación no obradoiro é de balde, pero é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.

Ética na acción social
A programación deste mes tamén inclúe unha mesa redonda sobre intervención sociocomunitaria. Será o martes 14 de novembro ás 16:00 horas e nela participarán alumnos e alumnas do máster sobre esta materia da Universidade da Coruña.

Esta mesa redonda versa sobre a dimensión ética e os procesos educativos na acción social. A actividade está dirixida a todo ó público interesado en reflexionar e debater sobre esta temática.

A participación é tamén de balde e non é necesaria inscrición.

Roteiro interpretativo
Non faltará no calendario o habitual o roteiro interpretativo polas Brañas do Sar, o sábado 25 de novembro ás 11:30 horas. Os participantes acompañarán a auga no seu percorrido dende as Brañas ata o río Sar, coñecendo os seus valores naturais, os seus usos tradicionais e outras curiosidades deste fermoso entorno.

A actividade está dirixida a todos os públicos (nenos/as a partir de 10 anos). É de balde pero é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.

O CIAC
O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvis, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.

O CIAC está aberto para público xeral os mércores, xoves e venres de 10:30 a 13:30 horas; os sábados de 10:30 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas.
Pola semana realízanse visitas guiadas a grupos de máis de 10 persoas, previa reserva (chamando ao 981 543 145).

Documentos relacionados



Compartir: