ALCALDÍA

A veciñanza da zona norte da cidade trasládalle ao Goberno local as súas peticións nun novo encontro "Ao vivo"

27/10/2017 O grupo de Goberno mantivo esta tarde un novo encontro "Ao vivo", desta vez no Centro Sociocultural de Vite e coa veciñanza da zona Urbana Norte. Ao encontro, no que participaron preto de cen persoas, estaban convocados os veciños e veciñas dos barrios de San Roque, Basquiños, Estila, Pelamios, Almáciga, Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, Meixonfrío e Cancelas.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que estas reunións "teñen como obxectivo que o Executivo renda contas directamente diante da cidadanía, e que os veciños e veciñas lle fagan chegar as súas peticións, máis alá das que se tramitan a través dos colectivos veciñais". Estes encontros son unha forma máis de participación da veciñanza.

As cuestións plantexadas pola cidadanía versaron sobre mantemento, accesibilidade, estado dos parques infantís ou situación das obras nos barrios. Algúns veciños demandaron melloras na accesibilidade, tanto nos autobuses urbanos como nas vivendas da zona urbana norte, que carecen de ascensores. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, explicou que a accesibilidade nos autobuses mellorará coa "renovación de flota ligada ao novo contrato, que inclúe vinte novos autobuses adaptados con ramplas automáticas".

En relación aos ARI de Vite, explicou Jorge Duarte que se instalarán ascensores en moitos edificios e que o Concello habilitou unha liña complementaria para aquelas persoas con poucos recursos.

Mobilidade
O peche de Xoán XXIII e o tráfico nas zonas lindeiras foi outra das cuestións das que se falou neste encontro "Ao vivo". Explicou Jorge Duarte que o centro da cidade "non está pensado para asumir tanto tráfico nin como atallo norte-sur", de tal xeito que o peche ao tráfico de Xoán XXIII "permitiu reducir o tráfico de paso. Iso si, a medida aínda é susceptible de melloras e cambios.

Mantemento
O estado nalgunhas rúas ou as humidades das vivendas na rúa Betanzos foron algunhas cuestións en materia de mantemento que saíron neste encontro "Ao vivo". O concelleiro de Medio Rural e Mantemento, Rafa Peña, avanzou a reforma das beirarrúas nesa zonam "que leva moitos anos deteriorada".

Outro dos asuntos máis comentados pola veciñanza foi o dos parques infantís, tanto no relativo ao seu estado como á limpeza, debido aos excrementos de cans. O concelleiro de Medio Ambiente lembrou a campaña posta en marcha polo Concello para que os donos e donas dos cans recollan as súas necesidades e comprometeuse a colocar os carteis da mesma nos parques Otero Pedrayo, Almáciga e Pablo Iglesias.

Ademais, o alcalde recoñeceu que o barrio de Vite precisa unha actuación integral que roldaría os tres millóns de euros, por ser un barrio de máis de 40 anos. Nesa liña, Rafa Peña anunciou que o orzamento de 2018 incluirá diversas accións no barrio.

Nove "Encontros ao vivo" ao longo do ano
Os "Encontros ao vivo" forman parte da aposta pola participación cidadá que fai o Goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove "Encontros ao vivo", seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agruparanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto da cidade.

Compartir: