ACCIÓN CULTURAL

O actor arxentino Leonardo Sbaraglia recibirá un dos Premios Cineuropa 2017

27/10/2017 O festival Cineuropa distinguirá nesta edición a prolífica traxectoria de Leonardo Sbaraglia, un intérprete que, con máis de 50 longametraxes ás súas costas, se atopa nunha etapa de admirable madurez interpretativa. A cerimonia de entrega do Premio Cineuropa a Leonardo Sbaraglia terá lugar o martes 14 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal.

Corría 1986 cando un adolescente Leonardo Sbaraglia debutaba no filme La noche de los lápices, do director arxentino Héctor Olivera . Facíao para pór corpo e voz a Daniel, un dos rapaces detidos e torturados tralas protestas estudantís acontecidas en Bos Aires en 1976 durante a ditadura de Videla. Dende aquela primeira aparición até a actualidade, a traxectoria interpretativa de Sbaraglia suma máis de 30 anos, 50 longametraxes e 20 traballos televisivos que dan conta do intenso traballo e a notoria versatilidade do actor porteño. En 2017, estrea dous filmes de suspense, Nieve Negra, de Martín Hodara, e El otro hermano, de Israel Adrián Caetano, polo que vén de ser premiado como mellor actor no Festival de Cine de Málaga.

Nesa longa andaina interpretativa, Leonardo Sbaraglia traballou con grandes directores do cinema arxentino, como Marcelo Piñeyro, con quen rodou Tango feroz: la leyenda de Tanguito (1993), Caballos Salvajes (1995), Cenizas del paraíso (1997), Plata quemada (2000) e Las viudas de los jueves (2009); Eliseo Subiela, que o dirixiu en No te mueras sin decirme adónde vas, (1995); Carlos Galettini, no título Besos en la frente (1996); Eduardo Mignogna, co que realizou Cleopatra (2003) ou Luis Puenzo en La puta y la ballena (2004).

O actor aterrou en España en 2001 para protagonizar Intacto, ópera prima de Juan Carlos Fresnadillo. Ese filme fíxoo merecedor do Goya ao mellor actor revelación e converteuno nun dos actores imprescindibles tamén na escena estatal. Nela, traballou con cineastas de renome como Vicente Aranda en Carmen (2003); Gerardo Vera, en Deseo (2002); Rodrigo Cortés, en Concursante (2007), ou Cesc Gay, en Una pistola en cada mano (2012), e protagonizou auténticos tour de force xunto a actores e actrices do talle de Fernando Fernán Gómez -nese filme a reivindicar que é En la ciudad sin límites, de Antonio Hernández-, Héctor Alterio, Norma Aleandro, Darío Grandinetti ou Max Von Sydow.

Alén da entrega do Premio Cineuropa a Sbaraglia, programada o martes 14 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, o festival distingue a traxectoria e o labor deste intérprete mediante a proxección de dous dos seus traballos máis recentes. No te olvides de mí, ópera prima de Fernanda Ramondo que Sbaraglia protagonizou en 2016, será exhibida ese mesmo día ás 16:30 horas, nunha sesión que contará coa presenza do actor. Logo da entrega do premio, xa á noitiña, o teatro acollerá tamén o pase de El otro hermano, de Adrián Caetano.

Direccións relacionadas



Compartir: