ESPAZOS CIDADÁNS

Xa está dispoñible na web municipal o Xeoportal do Concello de Santiago

24/10/2017 Dende hoxe xa está dispoñible, a través da páxina web municipal, o novo Xeoportal do Concello de Santiago, unha ferramenta que fai accesible para toda a cidadanía a información xeográfica relativa ao municipio. O visor foi presentado polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, que estivo acompañado polo xefe da sección de Cartografía do Concello de Santiago, Rogelio Canedo.

O concelleiro explicou que o Xeoportal "é o resultado de meses dun traballo que vai ser de enorme utilidade para a veciñanza, que se aforrará moitos desprazamentos ao Pazo de Raxoi para requirir información á que agora poderá acceder desde calquera ordenador, tablet o teléfono móbil". Jorge Duarte apuntou que, a través do visor "institucións, profesionais e cidadanía en xeral poderán coñecer en detalle cuestións como cal é a cualificación urbanística dunha finca determinada, cal é a administración titular dun viario ou cal é a área de influencia de cada colexio da cidade". Aclarou, ademais, que o Xeoportal "é un instrumento vivo, no que se irá cargando a nova información que vaia xurdindo e que sexa de interese da veciñanza". Na actualidade, ten incorporados máis de 300 documentos urbanísticos e todas as ortofotos realizadas dende 2001 a 2014 no Concello de Santiago.

Na mesma liña, o xefe da sección de Cartografía do Concello apuntou que "tratamos de facer un Xeoportal que sexa de uso moi sinxelo e accesible, porque o seu obxectivo último e facilitarlle a vida á veciñanza". Rogelio Canedo explicou que "as directivas europeas e a lexislación española apuntan a que a información cartográfica ten que ser accesible e gratuíta para a cidadanía, e con este instrumento cumprimos con ese mandato".

Moita información e manexo sinxelo
O Xeoportal do Concello de Santiago está estruturado en seis apartados, para facilitar a navegación dos usuarios e usuarias. Conta cun visor web xeral, unha serie de visores destacados "feitos á carta", unha ferramenta para a descarga de información, un apartado centrado no planeamento urbanístico, unha sección de ligazóns a outras infraestruturas de datos espaciais, e unha sección de Servizos OGC, máis dirixida a profesionais.

O visor xeral permite acceder a un mapa base do Concello de Santiago, no que se poden activar distintas capas de información. Entre as súas utilidades máis salientables figura un xeolocalizador que foi elaborado polo propio Concello, e que polo tanto ofrece información máis exacta sobre o municipio que outros buscadores dispoñibles.

Entre os visores destacados incluíuse unha sección de cartografía que permite visualizar planos de todo o termo municipal dende os máis antigos de 1783; un mapa escolar para comprobar cales son os centros de referencia por rúas; un apartado sobre titularidade da rede viaria; ou un localizador das redes de servizo, no que de momento figuran auga e saneamento e que proximamente se completará con información da rede de alumeado.

No apartado de planeamento urbanístico pódese acceder á plataforma de urbanismo en rede, a documentos históricos de planeamento, e mesmo aos documentos que están en tramitación. O visor ofrece a posibilidade de facer comparativas entre ordenacións urbanísticas de diferentes anos, a través de planos superpostos con efectos de transparencia ou de cortinas.

En canto ás descargas, o Xeoportal permite descargar e preparar para a impresión cartografía relativa á localización da rede de transporte, das distintas redes de servizos, ou mesmo do mobiliario urbano. Tamén se poden descargar diferentes planos de Santiago, dende 1783 ata 1984.

Direccións relacionadas



Compartir: