ESPAZOS CIDADÁNS

Arranca o Smarter Together cun obradoiro de co-creación da imaxe gráfica da campaña

20/10/2017 O Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Belvís acolleu esta maña a primeira actividade colaborativa do programa europeo Smarter Together, no que Santiago participa como cidade convidada e seguidora xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas "cidades faro": Lyon, Munich e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 2020.

Neste obradoiro participaron arquitectos/as e deseñadores/as, que puxeron en común a súa creatividade "baixo o lema de que xuntos somos máis intelixentes", segundo relatou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte. Tamén sinalou que este proxecto "terá a súa presentación con varios encontros que se celebrarán na nosa cidade os días 25 e 26 de outubro e no que estarán todas as cidades europeas invitadas".

Coa actividade desta mañá contribuirase a crear a imaxe gráfica do proceso para Santiago e aportarase coñecemento compartido que se poderá desenvolver en Compostela e replicarse noutras cidades.

Tecnoloxías intelixentes para mellorar a calidade de vida
O proxecto europeo Smarter Together ten como obxectivo mellorar a calidade de vida nas cidades a través das tecnoloxías intelixentes. As áreas de traballo nas que se vai desenvolver a estratexia son: plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sostible, e "district heating" e enerxías renovable.

Compartir: