ACCIÓN CULTURAL

Galicreques continúa este martes con catro funcións

16/10/2017 O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, a Fundación SGAE e o INAEM, continúa estemartes con catro funcións e unha mesa redonda na Fundación Granell, na que se presentarán os libros editados por Baía Edicións das obras galardoadas en 2016 cos Premios Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, convocados pola Agadic tanto na modalidade para rapaces como na categoría de adultos.

A Fundación Granell acollerá ás 13:00 horas a presentación dos Premios Barriga Verde nun acto no que participará a directora do Centro Dramático Galego (CDG), Fefa Noia, e o director do Festival Galicreques, Jorge Rey. A editorial Baía Edicións publica os dous libros premiados no certame na edición de 2016: Réquiem por un Monicreque, de Roi Vidal Ponte, quen gañou na modalidade de adultos, e Os golfiños e o xigante, de Inacio Vilariño, texto que se fixo co galardón na categoría infantil e cuxa versión escénica se estreou da man de Fantoches Baj no marco do Festival Galicreques.

Catro funcións
Por outra banda, a programación de sala continuará mañá martes con tres funcións para publico escolar pola mañá. Así, ás 10:15 horas, na Fundación SGAE, Títeres Brincadeira representará a súa obra Contos para pasalo de medo, montaxe de narración oral e bonecos destinada para menores de 12 anos. No mesmo recinto, ás 11:30 horas, a compañía murciana Periferia Teatro representará ante o público escolar o segundo pase de Vuela Pluma, obra de títeres de mesa que xira ao redor da historia dun paxaro que un día soña con escapar da súa gaiola. Trátase, polo tanto, dun conto sobre a liberdade e o respecto á verdadeira natureza dos seres vivos.

O Teatro Principal acollerá ás 11:30 horas a representación de O agasallo de Anya, da formación galega Teatro de Marionetas Trécola. Na peza, Trécola adapta un texto orixinal de Sabela Núñez Singala que fala da amizade de dúas rapazas, Anya e Xiana, a través de marionetas de distintas técnicas dentro dunha escenografía en continuo cambio.

Xa pola tarde, ás 18:30 horas, o CSC de Santa Marta será o escenario para a última función do día: As aventuras de Gale, dos galegos A Xanela do Maxín. O espectáculo, que mestura técnica de sombras e monicreques de luva con música ao vivo, preséntanos a Gale, quen conducirá aos espectadores a través da súa historia para repartir o gran tesouro que protexe: palabras, expresións e un xeito único de ser e de descubrir o mundo.

Venda de entradas
As entradas para as funcións do Teatro Principal, Fundación SGAE e CSC de Santa Marta custan 5 euros por persoa, podendo adquirir catro billetes para un mesmo espectáculo por 15 euros. As entradas para as montaxes do Teatro Principal véndense de forma anticipada de martes a sábado en horario de 18:00 a 21:00 horas. Os días de función, pódense adquirir dende unha hora antes do comezo do espectáculo. Na Fundación SGAE e no CSC de Santa Marta, as entradas véndense tamén dende unha hora antes do comezo do espectáculo.

Direccións relacionadas



Compartir: