CONSORCIO

A Real Filharmonía celebra esta semana tres concertos baixo a batuta de Paul Daniel

16/10/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana tres concertos. O primeiro será o mércores no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas. O xoves, a orquestra tocará na súa sede, o Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas. E o venres, ás 18:30 horas, parte do concerto de abono repetirase para o público máis novo e para as familias dentro do ciclo ¡Descubre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos.

O concerto do venres servirá para dar visibilidade á Federación Autismo Galicia, no marco do proxecto RFG Solidaria, que a Real Filharmonía de Galicia puxo en marcha ao final da temporada pasada. Neste caso, as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 años recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.

Nas tres actuacións levará a batuta o director titular da agrupación, o mestre británico Paul Daniel. O concerto de abono e o de Vigo comezarán con parte da Música acuática de Haendel (1685-1759), da que se cumpre o 300 aniversario da súa estrea. Esta obra estreouse no verán de 1717 por petición do rei Jorge I para ser interpretada sobre o río Támesis. O concerto foi ofrecido por 50 músicos nunha barcaza que navegaba preto da embarcación do rei e dise que este quedou tan compracido que tivo que interpretarse tres veces durante a travesía polo río.

A continuación, o público poderá escoitar a Sinfonía nº 7 de Jean Sibelius (1865-1957), a última sinfonía do compositor finlandés, e que servirá para conmemorar o centenario da independencia de Finlandia. E os concertos concluirán coa Sinfonía nº 7 de Beethoven (1770-1827), caracterizada pola súa exuberante sonoridade.

Charla previa co director Paul Daniel
Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: