CONSORCIO

O oboísta francés Philippe Tondre impartirá clases a intérpretes galegos

16/10/2017 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do aclamado oboísta francés Philippe Tondre. Xunto aos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro.

As clases celebraranse o xoves 26 de outubro, pola mañá de 10:00 a 14.00 horas e pola tarde de 16:00 a 20:00 horas; e o venres día 27, de 12:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola, www.eaem.es. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Entre os mellores da súa xeración
Philippe Tondre, con tan só 28 anos, xa logrou un lugar entre os mellores músicos da súa xeración. A súa música está chea de sensibilidade emocional e dun impresionante virtuosismo. A poderosa expresividade das súas interpretacións conecta coas máis diversas audiencias e tenlle provocado unha grande aclamación por parte da crítica.

Ten tocado como solista nas principais orquestras europeas e asiáticas, baixo a batuta dos máis prestixiosos directores. Foi premiado en todas as competicións internacionais para o seu instrumento. E imparte clases maxistrais en China, Taiwán, Xapón, Alemaña e España.

Aos 18 anos, mentres estudaba no Conservatorio Nacional Superior de Música de París, foi nomeado óboe principal da Orquestra Sinfónica da Radio de Stuttgart, posto que ocupou ata o ano 2016. E ata a temporada pasada foi o oboísta principal da Gewandhaus Orquestra de Leipzig. É profesor de óboe na Escola de Música Saar en Alemaña.

Compartir: