POLÍTICAS SOCIAIS

Unha mostra artística conmemora en Compostela o Día Mundial da Saúde Mental

10/10/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, participou nos actos con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde Mental, celebrados no Matadoiro Compostela. Coa concelleira tamén estivo Mar Piñeiro, presidenta da Asociación Fonte da Virxe, que reúne a familiares, amigos e persoas con enfermidades mentais. No Matadoiro expuxéronse traballos de pintura feitos por membros da Asociación e presentouse un vídeo elaborado por un equipo de técnicos que seguiu durante o verán as actividades de Fonte da Virxe.

Concha Fernández agradeceu a iniciativa Pinta e Punto, de actividades de pintura realizadas por integrantes de Fonte da Virxe. Fernández dixo que "esta iniciativa é tan bonita como valiosa. É valiosa porque serve para conmemorar o día de hoxe, e tamén valiosa porque nos lembra que coa saúde mental temos moito por facer".

A concelleira indicou que "a saúde mental é a grande esquecida do sistema sanitario, que cada vez deixa máis persoas fóra e atende con menos recursos". Por iso, dixo, "non só tedes que conmemorar o Día da Saúde Mental facéndoo festivo, senón que tedes que facelo reivindicativo, ser fortes e reivindicar a quen temos responsabilidades públicas e políticas, que non debemos deixar a saúde mental en terreo de ninguén".

Ademais, pediu esquecer "sobre todo os prexuízos, os mesmos que afectan á convivencia das persoas na sociedade e na vida laboral. Por iso hai que superar obstáculos e así favorecer oportunidades para todas as persoas".

Seguidamente, a técnica e vogal de Fonte da Virxe, Elvira Varela, agradeceu á concelleira "ter conciencia do que nos fai falta". Ela foi a encargada de presentar o vídeo no que se recolleron as actividades do programa Pinta e Punto durante o pasado verán. "Queremos que o espírito do verán siga. Así, tanto as persoas que non puideron seguir no verán como os que si, con este vídeo poderán disfrutar do proceso", explicou.

O Día Mundial da Saúde Mental deste ano tén como tema central a integración laboral de persoas con enfermidade mental. O lema "Traballar sen máscaras, empregar sen barreiras" quere expresar o desexo da participación activa no mundo laboral destas persoas. Tamén busca promover o respecto e desenvolvemento persoal de homes e mulleres afectados por doenzas mentais.

Compartir: