ALCALDÍA

O Goberno local retoma os "Ao vivo" cun encontro coa veciñanza do rural leste

07/10/2017 O Goberno local retomou hoxe os "Encontros ao vivo", e fíxoo cunha xuntanza no CSC de Marrozos dirixida á veciñanza do rural leste. Este área engloba ás parroquias de Marrozos, O Eixo, Aríns e Angrois. No encontro participou o alcalde, Martiño Noriega, que explicou que estas reunións "teñen como obxectivo que o Executivo renda contas directamente diante da cidadanía, e que os veciños e veciñas lle fagan chegar as súas peticións, máis alá das que se tramitan a través dos colectivos veciñais".

A maioría das demandas presentadas polos veciños e veciñas que asistiron ao encontro estiveron relacionadas co mantemento da rede viaria e coas rozas. O concelleiro de Medio Rural, Obras e Mantemento para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, encargouse de explicar as actuacións feitas nestas parroquias e tamén os proxectos que se poñerán en marcha nos próximos meses.

Pola súa banda, o alcalde recoñeceu que "o rural de Santiago atópase en moito peor estado que as parroquias dos concellos limítrofes, e por iso estamos destinando ao rural a totalidade das achegas que recibimos da Deputación da Coruña".

En canto á recollida do lixo, a veciñanza denunciou a falta de contedores nalgunhas parroquias e as dificultades para reciclar. O concelleiro responsable da área, Xan Duro, explicou que se está a facer "un mapeado do municipio para coñecer con maior exactitude cales son as carencias e tratar de ilas solventando ao longo do próximo ano".

Sinaléctica e Camiño de Santiago
No "Encontro ao vivo" tamén xurdiron queixas en relación á sinaléctica das parroquias. Rafael Peña explicou que se está traballando, e está orzamentado un plan para renovar e unificar as sinais de todas as parroquias. O concelleiro recoñeceu "certo atraso na súa execución, derivado de que no rural hai viarios de titularidade de diferentes administracións e é preciso que todas elas autoricen a colocación da nova sinaléctica".

A veciñanza de Angrois aproveitou para reclamar unha mellora no tramo do Camiño de Santiago que discorre pola parroquia. Ao respecto, o alcalde explicou que o Concello e a Xunta asinaron un protocolo para acondicionar os tramos composteláns das rutas xacobeas, que está dotado cun orzamento de catro millóns de euros. Se finalmente este protocolo non permite actuar en Angrois, o Concello xa ten preparado un proxecto alternativo.

As problemáticas relacionadas coas conexións á rede de auga por parte da concesionaria Viaqua, a solicitude de novos puntos de luz nalgunhas aldeas e a mellora do servizo de autobús foron outros dos asuntos abordados no "Encontro ao vivo".

Compartir: