ALCALDÍA E MEDIO RURAL

O alcalde e Ferusa acordan impulsar un "pacto polo rural" que garanta o reequilibrio territorial

04/10/2017 O alcalde e Ferusa acordaron avanzar nun "pacto polo rural", que defina "un mínimo de investimentos nas parroquias co obxectivo de garantir o reequilibrio territorial". Foi no transcurso da reunión que Martiño Noriega mantivo hoxe coa directiva da Federación de Asociacións de Veciños do Rural de Santiago, e na que tamén participou o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Reequilibrio Territorial, Rafael Peña.

O encontro serviu para repasar as actuacións que o Goberno local ven levando a cabo na zona rural de Santiago, á que se destinaron os importes íntegros das achegas dos plans de investimento da Deputación da Coruña tanto en 2016 como en 2017, e que recibirá tamén a totalidade do POS + de 2018. O presidente de Ferusa, Emilio Cao, aproveitou a xuntanza para expoñer as demandas dos colectivos veciñais das parroquias, tanto as novas peticións como as que entende que acumulan certo atraso no seu cumprimento.

O alcalde comprometeuse a impulsar nos próximos meses un gran "pacto polo rural", no que Martiño Noriega avogou por implicar aos catro grupos da corporación e ás asociacións de veciños representadas por Ferusa. O obxectivo deste acordo sería garantir de cara aos próximos anos que "as parroquias reciban o investimento mínimo necesario para lograr o ansiado reequilibrio territorial e poñer fin ás diferenzas históricas no tratamento do rural con respecto á zona urbana".

Compartir: